CENTROS SOCIOCULTURAIS

"A Memoria Silenciada. Conxo e Compostela" homenaxea aos composteláns que sufriron a represión franquista

01/04/2011 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o técnico da Rede de Centros Socioculturais Xulio Noia presentaron o ciclo A memoria silenciada. Conxo e Compostela, un programa co que a Concellaría pretende dar voz aos composteláns e compostelás que sufriron represión. Celébrase durante o mes de abril no CSC de Conxo.

A concelleira lembrou que "Compostela non foi estraña ao triste proceso de represión do rexime franquista e máis de douscentos veciños e veciñas sufriron algunha das múltiples formas de represión". Por iso, o Concello de Santiago decidiu, en acordo plenario, promover a dignificación, recuperación e reivindicación dos veciños e veciñas que sufriron a represión franquista, así como dos lugares nos que se produciu. É precisamente cumprindo ese compromiso como dende a Concellaría se decidiu organizar este ciclo e facelo en Conxo.

No mes de abril desenvólvese o programa. Luns, mércores e xoves das vindeiras dúas semanas no CSC de Conxo e ás 20:00 horas haberá conferencias, táboas redondas e proxeccións. Son as seguintes:

4 de abril. Conferencia Ánxel Casal Gosende, alcalde de Santiago e editor de Nós, a cargo de Miguel A. Seixas. Proxección de Ánxel Casal a luz impresa, de Xan Pérez Leira.

6 de abril. Conferencia Castelao, Compostela e o Seminario de Estudos Galegos, a cargo de Pilar García Negro. Proxección de Filmando a Castelao, de Antón Reixa e Carlos Larrondo.

7 de abril. Táboa redonda Os nomes e as voces de Compostela e Conxo, con Lourenzo Fernández Prieto e Luís Pasín. Proxección de Liste, pronunciado Líster, de Margarita Ledo Andión.

11 de abril. Conferencia O silencio das silenciadas, a cargo de Encarna Otero, sobre a represión e a muller. Proxección de Coralia e Maruxa. As irmás Fandiño, de Rivadulla Corcón.

13 de abril. Conferencia Galenos de Galicia: historias de represión, exilio e depuración, a cargo de David Simón Lorda. Proxección de Galicia, a tempestade do 36, de Enrique Braso e Manolo Rivas.

14 de abril. Táboa redonda O psiquiátrico de Conxo no tardofranquismo, 1972-1975, con Emilio González Fernández e Antón Seoane. Proxección de A mirada de Anna, de Anna Turbau.

Xulio Noia, técnico da Rede de Centros Socioculturais, e responsable do CSC de Conxo, destacou que no barrio de Conxo "moita xente maior aínda fala, baixiño, dese proceso de silencio que está aínda latente".

Direccións relacionadas



Compartir: