BENESTAR SOCIAL

Setenta e dous xitanos de Compostela asinaron un contrato laboral durante o 2010 grazas ao programa Acceder

23/03/2011 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, e Gorka de Luis, da Fundación Secretariado Xitano, presentaron en rolda de prensa a memoria de actuacións do programa Acceder, que desenvolve esta última entidade. Grazas a esta iniciativa, 116 persoas recibiron orientación, 72 puideron acceder a un contrato de traballo e outras 15 a prácticas en empresas.

O programa Acceder pretende achegar a poboación xitana ao mercado laboral por conta allea, a través da orientación e a busca de emprego. Por iso, trabállase en cuestións como a mellora da cualificación profesional, a formación específica adaptada á demanda empresarial, ou a xeración de iniciativas de emprego protexido. Outro punto fundamental é o labor de sensibilización sobre os prexuízos e prácticas discriminatorias das que os xitanos e xitana son vítimas.

En 2010, rexistráronse no programa 299 persoas, das que 164 eran mulleres e 135 homes. En total, recibiron orientación 116 persoas (64 mulleres e 52 homes). O programa Acceder inclúe dúas liñas de traballo. Grazas á primeira, a do emprego, conseguíronse 72 contratos de traballo, dos que se beneficiaron 26 mulleres e 46 homes. Maioría de contratos asináronse no sector servizos e, dentro deste, destaca o de atención ao cliente.

Outro grupo de usuarios fórono da liña educativa. A través dela, a Fundación Secretariado Xitano atendeu persoas captadas a través do propio programa Acceder, pero tamén procedentes de derivacións externas, do programa Kamelamos ou chegadas grazas á mediación dun usuario. Precisamente sobre o programa Kamelamos, destinado a menores, recordouse que 30 participaron no Xoves Xoven, 16 no taller de baile e 15 no taller de música.

Á vista destes datos, Gorka de Luis extraeu como datos positivos que "a comunidade xitana quere acceder ao mercado laboral, o tecido empresarial acepta este reto e este é un proceso socio-laboral maduro". Recordou que en Compostela residen entre 600 e 700 xitanos. A este respecto, a concelleira destacou que "a penas hai conflitividade, xerada unicamente por dúas ou tres familias e relacionada fundamentalmente con problemas de convivencia".

Accións en Vite, Conxo e Fontiñas
En canto a accións concretas nos barrios composteláns, a Fundación actuou en Vite durante o 2010 como axente mediador en conflitos educativos. Tratábase así de abordar conxuntamente cos centros a prevención do abandono escolar e a continuidade nos estudos.

Ademais, a entidade colabora dende hai dous anos na coordinadora de Conxo. Neste barrio estase a dar contido a un plan de actuación para a prevención do fracaso escolar. Nesta materia trabállase xa en casos máis concretos no IES Eduardo Pondal.

Finalmente, en Fontiñas veñen actuando dende 2003 na prevención do absentismo escolar e do abandono dos estudos, en coordinación cos demais recursos do barrio. Interveñen no IES Antón Fraguas en actividades conxuntas como asembleas de alumnos, cursos, visitas ou exposicións, sen esquecer a colaboración co programa de Educación de Rúa.

Mar Martín quixo salientar o "grande esforzo" que neste ámbito da loita contra o absentismo escolar se vén realizando na cidade. "Sabemos que en Santiago isto é hoxe un tema anecdótico, cun pequeno número de escolares que coñecemos e seguimos", indicou.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: