CULTURA

Últimos días para ver a exposición "Korda. Coñecido, Descoñecido" no Auditorio

25/03/2011 O domingo 27 pecha as súas portas a exposición Korda. Coñecido, Descoñecido, que se puido ver nos últimos meses no Auditorio de Galicia, organizada pola Concellaría de Cultura. A mostra, que se inaugurou o 22 de decembro de 2010, foi xa visitada por centos de persoas. Todos aqueles que non puideran asistir aínda teñen esta semana a última oportunidade en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Korda. Coñecido, Descoñecido está formada por un total de 200 imaxes realizadas polo fotógrafo cubano Alberto Díaz Gutiérrez, máis coñecido como "Korda", estruturadas en cinco ámbitos temáticos: Studios Korda, Os líderes, O pobo, A muller e O mar. A maioría das imaxes foron tomadas polo artista, famoso polo seu retrato do Che e, en xeral, polas súas imaxes da Revolución Cubana, entre 1956 e 1968.

A exposición afástase daquelas fotografías máis coñecidas polo público que se chegaron a converter en lugares comúns cando se fala da súa obra. Así, esta mostra rescata decenas de imaxes inéditas que evidencian como Korda se alimentou do mellor da fotografía da súa época, influenciado pola peculiaridade do seu contexto e a ética do tempo histórico que lle tocou vivir.

A exposición, que é froito do traballo de colaboración entre La Fábrica, o Estate Korda e a Casa de América de Madrid, agrupa por primeira vez o resultado dunha extensa investigación desenvolvida pola comisaria da exposición, Cristina Vives, que permite comprender o legado do fotógrafo cubano Alberto Korda, un dos fotógrafos máis relevantes do século XX, tanto polo seu importante labor no mundo da moda e da publicidade dos anos cincuenta, como pola súa excelente representación da revolución dos anos sesenta e, mesmo, a súa fotografía submarina.

Korda gozou en vida dun dos máis internacionais recoñecementos como fotógrafo do chamado periodo "épico" da Revolución cubana. Fama gañada en particular pola reprodución mundial da súa fotografía do "Che" que durante cincuenta anos foi o emblema do humanismo revolucionario mundial.

Gran parte das imaxes que se presentan permaneceron inéditas e moitas delas nunca foran expostas, unha realidade que foi posible grazas en gran medida á estreita colaboración de Diana Díaz, filla maior de Korda e herdeira da súa obra.

Compartir: