MEDIO AMBIENTE

Un tríptico de Medio Ambiente informa sobre as árbores senlleiras da Alameda

08/03/2011 "As árbores senlleiras da Alameda son un patrimonio natural e histórico de toda a veciñanza de Compostela; é importante respectalas e coidalas como parte da nosa memoria colectiva como cidade", indicou a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, na presentación na propia Alameda dun tríptico informativo sobre estas especies vexetais.

"Coa edición do tríptico que presentamos, dende o Concello queremos axudar a mellorar o coñecemento sobre estes monumentos vivos, tanto entre a cidadanía de Santiago como entre os nosos visitantes", apuntou Cienfuegos. Explicou como, "dende o ano 2007, o Goberno galego comezou a regular o catálogo de árbores senlleiras de Galicia.

Un primeiro decreto que no caso de Compostela incluía á carballeira de San Lourenzo como formación senlleira e máis unha relación de árbores entre as que se inclúen os eucaliptos, o abeto, e máis a tileira da Alameda". A relación completábase cos gingkos do xardín do Pazo de Fonseca. Acolléndose á subvención que a Xunta destinou en 2010 á difusión destas árbores e en colaboración co Museo de Historia Natural da USC, a Concellaría de Medio Ambiente impulsou este material para "dar a coñecer e a valorar as árbores senlleiras e tamén a Alameda, primeiro parque de Santiago, que se iniciou a finais de século XIX", engadiu.

Arbores dos cinco continentes
Segundo a edil, "a Alameda de Santiago acolle hoxe multitude de árbores procedentes dos cinco continentes, árbores autóctonas como o carballo que conforman a carballeira de Santa Susana, pero tamén árbores procedentes de Asia, como as camelias ou a árbore das pagodas, de América como as magnolias, árbores de África como o cedro do Atlas, a carón dos estanques, ou árbores de Australia como os eucaliptos". Entre tanta diversidade destacan as árbores senlleiras, un cualificativo que pode responder a distintos criterios: polo seu porte, dendrometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección.

Elvira Cienfuegos realizou estas explicacións ao pé do Abies nordmanniana, "un tipo de abeto do que só existen dous exemplares en Santiago, tamén coñecido como A perona, porque a tradición di que foi plantado por Eva Perón na súa visita a Compostela no ano 1947". A concelleira indicou que esta árbore "mide hoxe máis de 22 metros de altura, caracterizase pola súa abundancia de polas, case horizontais e pola abundancia de follas, de 2-3 centímetros de longo, que rematan escotadas e teñen dúas raias brancas polo envés".

Moi preto están dous exemplares de eucaliptos, situado o terceiro no paseo da ferradura mirando para a Alameda, especies "que proceden de Tasmania e do sur de Australia e introducidas en Galicia por Frai Rosendo Salvado a mediados do século XIX, sendo estes tres dos primeiros plantados no noso país, con máis 120 ou 130 anos". "A Tilia tormentosa, situada no paseo central é a única das tres árbores senlleiras de folla caduca. Tamén con mais de cen anos de vida as súas follas teñen forma de corazón, co envés branco, de onde lle vén o nome de tileiro prateado. As flores, brancas, pequenas e aromáticas van en grupos sobre brácteas verdes, alongadas, e úsanse as flores e tamén os froitos para infusións", concluíu Cienfuegos.

O tríptico recolle información sobre estas árbores e tamén fai referencia a outras, ademais de a elementos construídos a destacar: edificios, esculturas... Un elemento máis para achegarse ao parque con outro interese diferente, tanto para a xente de Santiago como para quen a visita. Editáronse 6.000 exemplares en galego e 1.500 en inglés, que se distribuirán dende o Centro de Interpretación da Alameda, ademais de polos medios habituais (centros educativos, centros socioculturais e dependencias municipais, Oficina de Turismo...).

Compartir: