NORMALIZACIÓN LINGÜISTICA

A Concellería de Normalización Lingüística impulsa "Atopando Compostela", un xogo sobre a toponimia municipal

03/03/2011 A concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez, presentou o proxecto de toponimia lúdica Atopando Compostela. Trátase dun xogo educativo sobre a toponimia do Concello de Santiago e está dirixido aos alumnos e alumnas de educación secundaria, co fin de que se familiaricen cos nomes propios dos lugares do municipio no que viven.

O Departamento de Lingua Galega do Concello cre que o estudo dos nomes de lugar é unha parte importante do noso acervo cultural. Por iso é importante impulsar os traballos dedicados á súa conservación, divulgación e investigación. Neste cometido xogan un papel fundamental os profesionais do ensino, que poden fomentar o xogo como un modo lúdico e pedagóxico para que os rapaces sexan conscientes da toponimia e da onomástica persoal e isto, á súa vez, redunde na elaboración de traballos útiles que axuden a preservar a nosa riqueza cultural.

Con estes obxectivos preséntase un vello proxecto denominado Atopando Compostela. Trátase dun xogo sobre a toponimia do Concello de Santiago, recomendado para maiores de 12 anos. No mesmo, os e as participantes veranse inmersos/as nunha andaina, lúdica e educativa, grazas á que se achegarán ao territorio e aos nomes dos seus lugares.

Movéndose por un taboleiro no que se representa a rosa dos ventos, formúlanse preguntas dalgunha das seis temáticas tratadas: medio, animais, plantas, xente, outros e probas. Por cada resposta atinada polos grupos xogadores, recibirán unha peza dun quebracabezas co mapa do Concello. O grupo que primeiro consiga todas as pezas e as encaixe acertadamente, será o que acade o obxectivo do xogo.

Atopando Compostela ofrece unha segunda modalidade, onde participan como mínimo dúas persoas, sen taboleiro e sen crebacabezas. Consiste en ir atinando preguntas, continuando ata errar na resposta, gañando o que máis acerte. Ademais, hai dispoñible unha unidade didáctica no enderezo web do Departamento de Lingua Galega, destinada principalmente ao profesorado de educación secundaria.

Promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística, o xogo foi creado pola empresa Etnoga Patrimonio Cultural, contando coa colaboración de catro especialistas da Asociación Galega de Onomástica: Xosé Ramón L. Boullón, Xulia Marqués, Luz Méndez e Gonzalo Navaza.

Segundo anunciou Guadalupe Rodríguez, vanse celebrar diversas xuntanzas cos equipos de normalización lingüística dos centros educativos composteláns para darlles a coñecer o xogo e as súas posibilidades. Tamén haberá encontros cos responsables de bibliotecas e ludotecas.

Compartir: