CONSORCIO

Santiago será a sede do Centro Estatal de Formación en Rehabilitación

02/03/2011 O Centro Estatal de Formación en Rehabilitación da Fundación Laboral da Construción terá a súa sede en Santiago de Compostela, cidade exemplo de boas prácticas no ámbito da conservación do patrimonio.

Esta decisión concretouse coa sinatura dun protocolo de colaboración entre o Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral da Construción, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento, representados, respectivamente, por Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde e presidente do Consorcio; Hipólito Trinidad Losada, presidente do Consello Territorial de Galicia da Fundación Laboral da Construción; Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia; Agustín Hernández, presidente do Instituto Galego de Vivenda e Solo; e José Blanco, ministro de Fomento.

Grazas a este protocolo vaise materializar a designación de Santiago como sede deste centro nacional de formación, que será financiado con 8 millóns de euros, dos cales 2 millóns serán achegados polo Consorcio de Santiago, 800.000 euros pola Xunta de Galicia e 300.000 euros polo Ministerio de Fomento (que serán achegados a través do Consorcio de Santiago). O resto será aportado pola propia Fundación Laboral.

A experiencia do Consorcio e das súas políticas de axudas á rehabilitación de edificios e vivendas e as súas actuacións de conservación do patrimonio foi determinante á hora de elixir a ubicación. De feito, o futuro centro ten como punto de partida o Obradoiro de Lousados situado na horta de San Martiño Pinario, e que cada ano forma a profesionais especialistas no mantemento e conservación dos pavimentos históricos de Santiago.

O proxecto
Este proxecto permitirá o establecemento dun centro nacional de referencia para a formación de traballadores da construción en oficios vinculados á rehabilitación e ao mantemento de edificios e espazos públicos. Por unha parte, está concibido como un lugar de formación de formadores, de xeito que sexa cabeceira en España para outros centros de formación de características similares, e doutra, como un centro de formación cualificada de traballadores, que permita inserilos no mercado laboral da renovación urbana e da rehabilitación do patrimonio construído. Trátase, polo tanto, dunha resposta ao interese que para o conxunto das políticas de protección patrimonial en España ten esa mellora de formación.

Co fin de garantir unha óptima actualización dos coñecementos, o futuro centro nace ligado de forma especial ao Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC (tamén promovido dende o Consorcio de Santiago), que se levantará nas Brañas de Sar, outro espazo verde da cidade de Santiago. Así, o Instituto proporcionará unha posta ao día permanente no que se refire a investigación e desenvolvemento de novas tecnoloxías e sostibilidade en relación co patrimonio cultural.

Tamén estará vinculado ao Máster en Renovación Urbana, curso de especialización que ten a súa orixe na Aula de Rehabilitación creada polo Consorcio de Santiago en 1996, e que a día de hoxe é título de posgrao da Universidade de Santiago.

Situación
O Centro de Formación en Rehabilitación estará ubicado no antigo curtidoiro de Pontepedriña de Arriba, nas beiras do río Sarela, no compostelán barrio do Avío. Trátase dunha vella fábrica de curtidos, con orixe no século XVIII e dun alto valor patrimonial, e que a día de hoxe se atopa en situación de abandono. O inmoble e o terreo adxacente (que suman un total de 23.132 metros cadrados) xa foron adquiridos pola Fundación Laboral da Construción.

Todo o conxunto, de grande valor arquitectónico e etnográfico, será rehabilitado e acondicionado para o seu novo uso. Cómpre lembrar que toda a ribeira do Sarela está salpicada de antigos curtidoiros, memoria da vella industria do curtido a comezos no século XIX, cando Santiago era o maior produtor de coiro curtido.

Compartir: