CULTURA

Curtocircuíto bate a súa marca de inscricións

28/02/2011 A edición do Festival Internacional de Curtametraxes, Curtocircuíto, deste ano 2011, a oitava, conseguiu a súa mellor marca de inscricións. O festival, que organiza a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, rexistrou máis de 3.000 inscricións, polo que os datos veñen a consolidalo como un dos máis importantes festivais de curtametraxes con repercusión xa no ámbito internacional.

O 20 de febreiro pechouse o prazo de inscrición e, ademais desta marca de participantes, tamén se detectou unha gran diversidade cultural, xa que se presentaron curtametraxes de diferentes países e continentes. Os datos son os seguintes:

- 3.026 curtametraxes inscritas.

- Proceden de 92 países, de todo o mundo e de todos os continentes, como Arxelia, Burkina Fasso, Chipre, Cuba, Chile, Arxentina, China, India...

- Un total de 523 curtas preséntanse á nova categoría incorporada: "Compostelae" (curtas de todo o Estado), e delas 100 son galegas, o número máis alto de participación galega na historia de Curtocircuíto.

- Como era de esperar, España é o país con maior participación, pero detéctase tamén que o Festival está pisando forte en Francia, segundo país en número de participantes, no tocante ao continente europeo, seguido do Reino Unido.

Unha vez pechado este prazo de inscrición, comeza o proceso de selección. Será a finais de marzo cando se saberá o resultado das curtametraxes seleccionadas, e darase a coñecer nos medios de comunicación, ademais de na web do Festival, que se celebrará do 6 ao 15 de maio.

Compartir: