CIDADE HISTÓRICA

A web de "A Cidade intuída" amosa as propostas de ríos, camiños e núcleos rurais

24/02/2011 O congreso Compostela 2021. A Cidade Intuída, organizado pola Concellaría da Cidade Histórica e Rehabilitación, introduciu na súa web www.acidadeintuida.org os contidos relacionados co apartado denominado "Territorio", referentes ás propostas sobre ríos, camiños e núcleos tradicionais.

O obxectivo deste evento é facer unha reflexión sobre o espazo público, producir unha imaxe intuitiva, no horizonte temporal dunha década, para suxerir ideas que axuden a imaxinar cómo puidera ser a cidade nos próximos anos. Non se trata dunha representación virtual de proxectos xa previstos, senón de realizar un exercicio de imaxinación, con bases rigorosas e técnicas, que permita aventurar e recrear posibles realidades deste futuro próximo, e ensaiar virtualmente os diferentes camiños que a cidade pode tomar, como reflexión previa para orientármonos nesa andadura.

Propostas do apartado "Territorio"
Entre as propostas relacionadas cos ríos, Cristina Ansede e Alberto Quintáns propoñen a creación dun corredor fluvial, que combinaría "a restauración do estado de saúde do río coa reconfiguración do sistema xeral de saneamento, a habilitación de percorridos peonís e o deseño dunha estratexia produtiva integrado nas construcións e canais existentes", segundo se expón na web.

No tocante aos camiños rvr arquitectos sinalan como suxestión que "a nova permeabilidade da cidade no seu territorio rural terá que facer dos camiños un verdadeiro espazo público, que preserve a súa integridade como dominio público, como espazo de encontro e relación para a xente, xerando accións de recuperación e coidado do territorio polo que atravesan e favorecendo a integración da poboación urbana e a do campo e os seus vínculos de pertenza á cidade única que é Santiago".

Xa relacionado cos núcleos tradicionais, o grupo formado por Arancha Garnelo, Javier Llamas, Jesus Conde, Oscar Andrés, Sabela Núñez e Santiago Garcia propón facer unha lectura da parroquia Santa Cristina de Fecha para "identificar os procesos que poderían conseguir a súa sustentabilidade social, económica, ambiental e cultural, coa intención de que as súas conclusións se poidan xeneralizar a outros núcleos galegos en circunstancias similares".

Cómpre lembrar que o congreso celebrará tres xornadas de portas abertas do 1 ao 3 de marzo, no Teatro Principal, de portas abertas á cidadanía e a todo o público interesado. Neste congreso presentaranse as conclusións en formato audiovisual, facilitando posteriormente a súa publicación en soporte dixital a través da web www.acidadeintuida.org. O evento será organizado pola Concellaría da Cidade Histórica e contará con financiamento da Deputación e coa colaboración do Consorcio de Santiago e do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Compartir: