CULTURA

Teatro en Xira trae a Santiago seis das mellores producións da Península

16/02/2011 O mellor teatro que está a xirar pola Península pasará tamén por Compostela neste 2011: o teatro comercial de calidade, teatro clásico e tamén producións máis arriscadas. A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentaron en rolda de prensa a programación anual de Teatro en Xira, que incluirá seis espectáculos nos que prima a "calidade e a diversidade".

O primeiro espectáculo, Razas, estará no Auditorio este o sábado 19. Trátase dun texto do tamén guionista e director de cinema David Mamet que vén de triunfar en Broadway, e que chega aquí adaptado e dirixido por Juan Carlos Rubio e protagonizado por Toni Cantó e Bernabé Rico. É un thriller sobre os prexuízos sociais e raciais. Outra das producións comerciais de calidade chegará en maio. É Crimen perfecto, con texto do dramaturgo inglés Frederick Knott, dirixido por Víctor Conde e protagonizado por Elena Furiase e Jorge Sanz.

As propostas en formato máis clásico chegan da man de Tanttaka Teatroa, Teatre Lliure e El Cruce. Os vascos, compañía recoñecidísima por El florido pensil, presentan en marzo La mujer justa, do dramaturgo Sandor Márai, adaptada por Eduardo Mendoza. En abril o Teatre Lliure, en coprodución co Centro Dramático Nacional, levará a escena La gata sobre el tejado de zinc caliente, unha produción adaptada e dirixida por Àlex Rigola ("un valor seguro", segundo Paulo Rodríguez) sobre o texto de Tennessee Williams. E outro dos directores máis reputados do teatro español, Ernesto Caballero, chega a Compostela en outubro con La colmena científica o el café de Negrín, de Teatro El Cruce, que recrea dende unha óptica actual a historia da Residencia de Estudiantes de Madrid.

E a aposta máis arriscada queda para decembro, cando arribará Torvaldo furioso, dirixida polo vigués Lino Ferreira, de El Óbolo Producciones, unha compañía novel que se pode encadrar dentro da chamada "xeración La Abadía", con profesionais da escena que se formaron ao abeiro desta "casa do teatro" madrileña.

As entradas -a 12, 8 e 5 euros no Principal e 15 no Auditorio- xa están á venda na billeteira virtual de Caixa Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: