CULTURA

Sete novos espectáculos coreográficos para o semestre do ciclo SCQ Danza

11/02/2011 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentaron en rolda de prensa os novos espectáculos para este semestre de SCQ Danza, o programa da Concellaría dedicado á danza contemporánea que, a pesar da crise e das reducións orzamentarias, mantén a calidade e mesmo incrementa a oferta de espectáculos con respecto ao ano anterior.

"É obriga das institucións públicas traballar na formación de públicos nas artes máis difíciles e minoritarias, como a danza contemporánea", declarou García Conde, quen reafirmou a aposta do seu departamento por esta disciplina artística, fenómeno escaso no contexto peninsular, dado que "hai poucos concellos que programen este tipo de danza", segundo apuntou Paulo Rodríguez.

Neste semestre SCQ Danza levará ao Teatro Principal un total de sete espectáculos de seis compañías, tres delas galegas (coa colaboración de AGADIC), e outras tres que chegan desde Andalucía (Mopa), Eslovaquia (Les Slovaks Dance Collective) e Normandía (Centro Coreográfico Nacional de Caen/Baixa Normandía). Esta última conta co apoio económico da Embaixada Francesa.

A primeira en saír a escena será a compañía andaluza Mopa o 18 de febreiro. Ofrecerá Espérame despierto, unha reflexión sobre as relacións e a súa cotidianeidade. A seguinte quenda -11 de marzo- é para o Centro Coreográfico Nacional de Caen, que trae Manta, da coreógrafa Héla Fattoumi, que trata sobre o hiyab e o sometemento das mulleres no mundo árabe.

O 17 de marzo será o momento de Métanse nos seus asuntos, o primeiro espectáculo da Compañía Nuria Sotelo, un solo interpretado pola bailarina homónima e dirixido e coreografado por Ana Vallés. E en abril, o 29, Traspediante presenta Habelas, unha peza escénica multidisciplinar con música en directo, proxeccións audiovisuais e maxia.

Maio será o mes de Slovaks Dance Collective, unha das poucas compañías profesionalizadas de Eslovaquia que conta con seis membros da mesma familia. Chegan a Compostela grazas a un acordo entre diferentes programadores do Estado e traen dous espectáculos no peto: Within (Dentro, o 4 de maio) e Journey Home (Viaxe a casa, o 5 de maio), "con moita beleza estética e rítmica, dado que inclúe música en directo", segundo a definición de Paulo Rodríguez.

A última representación da temporada correrá a cargo de Experimentadanza coa peza Inoxidable, unha metáfora que compara as relacións humanas cunha materia orgánica.

As entradas xa están á venda na billeteira virtual de Caixa Galicia a un prezo de 7 euros platea e 1ª planta; 5 euros 2ª planta; e 3 euros anfiteatro.

SCQ Danza
Dende 2007 a Concellaría de Cultura mantén este programa estable de danza contemporánea que ao longo de todo o ano presenta espectáculos nacionais e internacionais co fin de crear un espazo e un público para esta disciplina artística.
Este ciclo leva achegado a Compostela figuras internacionais consolidadas da danza e propostas coreográficas máis anovadoras que procuran fomentar o gusto pola arte en movemento dos composteláns, ademais de promocionar e dar pulo ás compañías coreográficas do noso país.

Dende a portuguesa Companhia de Paulo Ribeiro ata a Compañía Nacional de Danza, pasando pola Compagnie Catherine Diverrès ou David Loira presentaron en Santiago os seus espectáculos. Pola banda galega puidemos gozar de varios espectáculos do Centro Coreográfico Galego, Branca Novoneyra, Pisando Ovos ou Inquedanza.

Documentos relacionados



Compartir: