CONSORCIO

O Consorcio realiza traballos de conservación na capela do Rosario en Bonaval

24/01/2011 O Consorcio de Santiago, no marco das súas políticas de recuperación do patrimonio histórico da cidade, iniciou diferentes traballos de conservación na capela da Confraría do Rosario, pertencente ao conxunto monumental de San Domingos de Bonaval. En total, o ente interadministrativo investirá 67.901 euros. A encargada da súa execución é a empresa Diconsa.

A capela é a sede da Confraría Numeraria do Rosario, unha das máis arraigadas na cidade e que todas as Semanas Santa organiza a procesión do Santo Enterro, na tarde do Venres Santo. A Confraría ten na capela o seu lugar de culto e, adxacente á ela, o seu propio cemiterio.

Estes traballos de conservación promovidos dende o Consorcio de Santiago permitirán erradicar diferentes focos de humidade provocados polo mal estado dos revocos nas paredes exteriores. A día de hoxe estanse a revisar os muros, procedendo á renovación dos revocos, e estase a actuar en diferentes partes das paredes interiores, que tamén presentaban focos de humidade. A obra complétase con pequenos traballos de mantemento no cemiterio adxacente, mellorando a recollida de pluviais nos teitos dos nichos e as escaleiras de acceso.

En paralelo, tamén se realizarán traballos de restauración en pezas artísticas pertencentes á capela. Restaurarase a imaxe da Virxe da O, dúas táboas de indulxencias e a lápida dunha tumba.

A capela do Rosario foi construída no século XVIII, como engadido ao templo de San Domingos de Bonaval, un dos mellores exemplos de gótico en Galicia. A capela, barroca, foi ocupada pola Confraría do Rosario, que nela instalou a súa sede.

Compartir: