MEDIO AMBIENTE

As zonas verdes de Compostela quedan conectadas a través dos sendeiros do Itinerario Verde Urbano

20/01/2011 "O Itinerario Verde Urbano resulta da conexión e sinalización dos distintos sendeiros dos parques, formando con eles roteiros circulares de 16, 18 e 21 quilómetros de lonxitude a través dos distintos parques urbanos". Con estas palabras describiu a concelleira do Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, a iniciativa levada adiante dende o Departamento de Parques e Xardíns do Concello.

En total sinalizáronse e habilitáronse tres liñas: violeta, azul e laranxa, que arrancan e rematan na Alameda, ás que se unen catro derivacións que se dirixen a outros puntos de interese situados fóra das rutas principais. Durante a presentación deste itinerario aos medios de comunicación, a edil explicou tamén como "a nova sinalización in situ se completa cun despregable no que se recolle o mapa do conxunto do itinerario, ademais de indicacións sobre as distintas liñas e derivacións".

"As tres liñas teñen en común unha parte do seu percorrido, para despois ofrecer diferentes alternativas para moverse pola cidade a través das súas zonas verdes a pé ou en bicicleta, xa que tamén se incorporaron varios aparcabicis", indicou Elvira Cienfuegos, engadindo que "este é un dos obxectivos deste itinerario verde: promover a utilización dos sendeiros dos parques como rutas alternativas para transitar pola cidade, rutas separadas do tránsito rodado".

Información e mobilidade
Facilitar os hábitos saudables e o exercicio físico é outro dos obxectivos desta iniciativa. Para isto utilízanse balizas que sinalan as distancias en quilómetros dos percorridos e mesmo as pendentes cando estas teñen certa importancia. Tamén se colocaron paneis informativos e incrustáronse case 200 placas no chan con indicadores de dirección para poder seguir nun ou outro sentido as liñas, evitando sempre as escaleiras para facilitar o paso ás persoas con mobilidade reducida.

A concelleira tamén explicou que "tamén queremos que estes roteiros sirvan para achegar a xente aos parques e mellorar o coñecemento e o goce deles; por iso se instalaron catro paneis do conxunto de zonas verdes, que indican por onde transcorre o itinerario, e dous paneis do conxunto e tamén do parque que se está percorrendo, completando así o conxunto de mupis que xa existían nos parques". Preténdese que "os itinerarios sexan tamén un convite para adentrarse nos parques e un elemento máis que non só complete senón que estableza sinerxías con outras actuacións de posta en valor dos parques como os paneis, a colección de guías de bolso, a guía verde, o libro sobre o patrimonio natural das cidades patrimonio ou as visitas guiadas", concluíu.

Esta actuación foi executada con cargo as Fondos para o Emprego e a Sustentabilidade Local e representou un investimento de 150.000 euros. Do folleto explicativo do itinerario editáronse 5.000 exemplares, que serán distribuídos dende o Centro de Interpretación da Alameda, dende a rede de CSC e dende outras dependencias municipais.

Compartir: