TURISMO

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España incorpórase como afiliado á Organización Mundial do Turismo

17/01/2011 A Organización Mundial do Turismo aprobou a incorporación do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España como membro afiliado. Desta maneira, o Grupo súmase á principal institución internacional no campo do turismo, onde poderá debater cuestións de política turística, así como colaborar e aportar o seu coñecemento para seguir impulsando un turismo de calidade.

O potencial turístico do conxunto patrimonial das trece cidades que forman o Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade constitúe un piar fundamental sobre o que o Grupo traballa de forma permanente. A súa incorporación á OMT supón un recoñecemento e respaldo na evolución e consolidación do Grupo, e contribuirá a continuar traballando na promoción e difusión dun patrimonio de gran riqueza e relevancia histórico-artística.

A Organización Mundial do Turismo desempeña un papel central e decisivo na promoción do desenvolvemento dun turismo responsable, sostible e accesible para todos.‎ A Organización promove o cumprimento do Código Ético Mundial para o Turismo, co obxectivo de garantir que os países membros, os destinos turísticos as empresas maximicen os efectos económicos, sociais e culturais positivos do turismo e maximicen os seus beneficios, reducindo á vez ao mínimo os impactos ambientais e sociais negativos. ‎

Entre os seus membros figuran 154 países e máis de 400 membros afiliados que representan ao sector privado, a institucións de ensino, a asociacións de turismo e a autoridades turísticas locais. ‎

A demanda turística tanto a nivel nacional como internacional cambia, evoluciona, e o Grupo vela por coñecer as novas tendencias para adaptarse ás novas necesidades. Isto garantirá que todas aquelas persoas que visiten as cidades teñan unha experiencia positiva que desexen repetir.

2010
O 2010 foi un ano que finalizou cun intenso labor de promoción turística cultural. O Grupo renovou con Turespaña o compromiso de cooperación para a súa promoción internacional. Este acordo permite dar un impulso promocional nos mercados consolidados, a apertura a novos mercados europeos e transcontinentais, así como a especialización e segmentación da actuación promocional para alcanzar máis directamente ao consumidor final interesado.

Da man tamén de Turespaña, participou de encontros profesionais organizados polo devandito organismo e dirixidos a distintos mercados, como Xapón, India o Brasil. Ademais, organizou viaxes de familiarización para os responsables dos Servizos de Información Turística da Rede de Oficinas Españolas de Turismo no exterior, para axentes de Singapur, Bélxica, Suíza, Arxentina e xornalistas irlandeses, mexicanos ou brasileiros. Entre as viaxes de promoción que realizou o Grupo están Xapón, Chile, Alemaña e Estados Unidos.

As principais feiras internacionais de turismo, como a de JATA en Xapón ou a ITB de Berlín, contaron coa participación do GCPHE, sempre da man de Turespaña. A principios do 2010, o GCPHE e Promoción Madrid presentaron un acordo de promoción firmado co operador nipón JTB, para a xestión dunha campaña de marketing, publicidade e comunicación en Xapón (xa se atopa en marcha) coa oferta turística das Cidades Patrimonio da Humanidade de España e de Madrid.

Dende hai uns anos, o Grupo está realizando xunto á Universidade Complutense un Observatorio Turístico, unha ferramenta fundamental que axuda a coñecer e analizar en detalle os comportamentos dos que visitan as cidades, para ir axustando a oferta ás demandas reais.

O Grupo asinou recentemente un convenio con Virtuoso, xunto a Promoción Madrid, para a posta en marcha dunha campaña de promoción e comercialización en Estados Unidos; participou conxuntamente con Paradores na IV edición de Millesime Madrid.

Compartir: