ALCALDÍA

O alcalde non descarta un acordo con Ryanair para un cuarto voo a Bruxelas

14/01/2011 Unha vez coñecido o acordo da Xunta coa compañía aérea Ryanair para conectar Santiago con Londres, Frankfurt e Milán, que o alcalde considerou "aceptable", non descartou que neste mesmo mes de xaneiro, se produza un acordo do Concello e dos axentes sociais da cidade para unha cuarta conexión con Bruxelas.

Sánchez Bugallo afirmou que en FITUR se falará coa compañía irlandesa, que debe presentar unha oferta para esta liña coa capital belga. De producirse o acordo, Lavacolla contaría cunha nova conexión internacional, sen descartar a posibilidade de retomar no futuro a conexión con Roma, que segue a considerar de "especial significación para Santiago", pero que agora "non está ao alcance". Indicou que a Xunta coñecía a intención do Concello de negociar esta ruta, do mesmo xeito que existía o compromiso de non complicar as negociacións do Goberno autonómico nesta materia.

Sobre o resultado final das negociacións da Xunta coas compañías de baixo custo, o alcalde dixo "non menosprezar o esforzo da Consellería para lograr a ruta a Milán". En conclusión, lamentou a perda do voo a Roma, aínda que "non me queixo" da liña con Milán. Tamén valorou a nova conexión de Easyjet con Xenebra.

Con todo, afirmou que o resultado final "se viu empañado pola demora nos acordos e a suspensión das conexións internacionais ata o 27 de marzo". Para Sánchez Bugallo, "isto vai lastrar os resultados de Lavacolla en 2011, cunha perda de 50.000 pasaxeiros neste trimestre". Confía nunha recuperación no segundo trimestre e que "as novas conexións nacionais de Ryanair compensen esta baixada".

En relación cos efectos desta suspensión temporal das conexións internacionais, destacou a "madurez" da hostalería compostelá, "a que máis sufrirá por este recorte de tres meses". Neste sentido, recordou que con cada pasaxeiro tamén se perderá unha media de dúas estancias.

Consolidación de Lavacolla como aeroporto central de Galicia
Continuando co aeroporto, o alcalde expresou a súa "satisfacción" polos datos anuais do mesmo, "o de maior crecemento entre os aeroportos españois con certo nivel de pasaxeiros". Na súa opinión, estes datos "consolidan a Lavacolla como o aeroporto central e de referencia de Galicia". Recordou que o aeródromo compostelán acapara cunha cota do 49,75% do sistema aeroportuario galego.

Non obstante, contrapuxo o feito de que Porto medrou un 17% e 700.000 pasaxeiros, mentres que Lavacolla creceu algo máis de 200.000. Así, dixo que, fronte aos 5.280.812 viaxeiros do aeroporto portugués, os tres galegos suman 4.367.648 euros. Pero á vista dos datos de 2010, afirmou que "está claro que o único aeroporto que pode competir con Porto é Santiago".

Satisfacción coa apertura da Cidade da Cultura
Na súa rolda de prensa semanal, Sánchez Bugallo tamén se mostrou satisfeito pola apertura do Arquivo e da Biblioteca da Cidade da Cultura, porque é "unha oportunidade para por en valor esa información esa infraestrutura cultural, construída co esforzo de todos os galegos". Ademais, felicitou ao conselleiro de Cultura por "organizar un brillante acto de inauguración".

Aínda sendo "consciente de que queda un longo camiño por percorrer", en relación aos edificios pendentes de rematar, reiterou que o máis urxente é "resolver o problema dos accesos, coa autopista e coa cidade". Sobre o primeiro e tras conversa co ministro de Fomento, indicou que existe "dispoñibilidade" a incluír o acceso no proxecto de ampliación da AP-9, pero que o ministro está a espera dunha chamada do presidente da Xunta. Así, dixo que esta conexión precisará "decisións políticas por riba de determinadas consideracións técnicas".

O alcalde cre que se non se aproveita agora esta oportunidade de incluír o acceso á Cidade da Cultura no proxecto de ampliación da AP-9, "este acceso sería máis caro e probablemente máis caro" unha vez feita ampliación. En 2004, recordou, estimárase o custo deste acceso en 11,4 millóns de euros.

Sobre a conexión coa cidade, agarda que "a Comunidade Autónoma retome a idea do teleférico". Segue a considerar "imprescindible integrar esta infraestrutura na cidade e asegurar unha conectividade rápida e o máis barata e eficaz posible".

Ruídos, tabaco e convivencia
Finalmente, Sánchez Bugallo referiuse ao decreto de zonas saturadas, "que segue escrupulosamente o camiño marcado pola sentenza do Tribunal Superior de Galicia" e ás repercusións que está a ter a entrada en vigor da nova lei antitabaco. Considerou "improbable" que se atenda a petición dos hostaleiros de instalar calefactores e cinceiros no exterior dos locais, pois malia que isto melloraría o "problema de sucidade" que se está a crear, agravaría o problema dos "ruídos molestos" causados aos veciños.

Sobre as medidas a adoptar, indicou que "non podemos impedir que a xente saia á rúa" e tampouco "poñer un policía á porta de cada local". Non obstante, dixo que as medidas irán no sentido de actuar nos locais para que non deixen saír á rúa con copas e, no caso de concentracións que causen molestias, disolvelas.

Compartir: