CONSORCIO

A violinista Ildikó Oltai interpreta a Bartók xunto á Real Filharmonía de Galicia

12/01/2011 Continúa o ciclo de concertos da Real Filharmonía no Auditorio de Galicia, nesta ocasión coa violinista Ildikó Oltai como protagonista. Oltai forma parte da plantilla da propia Filharmonía dende o seu nacemento, polo que o recital será moi especial para todos os integrantes da orquestra compostelá. Baixo a batuta do mestre titular Antoni Ros Marbà, interpretará o segundo concerto para violín do compositor húngaro Béla Bartók.

No concerto actuarán como reforzo un total de 14 alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais, que terán así a oportunidade de participar nun concerto de abono no Auditorio de Galicia. Neste sentido, cómpre salientar que o Consorcio de Santiago acaba de asumir a xestión da Escola de Altos Estudos Musicais, integrándoa deste xeito á actividade Real Filharmonía.

Este mesmo concerto repetirase ao día seguinte, venres 14 de xaneiro, ás 19:00 horas, nunha sesión especial para alumnos e familiares do Conservatorio de Música de Santiago, incluíndo un encontro informal co director e a solista.

Toda a información do concerto e as notas ao programa están dispoñibles nas webs da Real Filharmonía e do Auditorio de Galicia.

Compartir: