ALCALDÍA

A Biblioteca e o Arquivo da Cidade da Cultura de Galicia abren as súas portas

11/01/2011 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistiu ao acto de apertura da Biblioteca e do Arquivo da Cidade da Cultura, presidido polos Príncipes de Asturias. Tamén participaron, entre outros, a ministra de Cultura, Ángeles González Sinde, ou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ademais do arquitecto, Peter Eisenman.

Todos eles visitaron os dous edificios guiados polo propio arquitecto e participaron no acto celebrado na Biblioteca de Galicia. Alí, a Súa Alteza Real o Príncipe Felipe cualificou como "sereno, estimulante e renovador" o complexo do Gaiás. Don Felipe valorou a contribución da Cidade da Cultura ao patrimonio cultural de España e á proxección de Galicia. Para Peter Eisenman tivo parabéns pola "paisaxe arquitectónica, estimulante e renovadora".
Pola súa parte, o presidente da Xunta definiu o complexo como "centro de peregrinación cultural" e destacou a súa beleza arquitectónica. A este respecto, recordou que emula o casco histórico de Santiago, polo que serve de "complemento perfecto" para a Catedral de Santiago.

A parte rematada do complexo da Cidade da Cultura de Galicia estará aberta ao público de 8:00 a 20:00 horas todos os días da semana a partir do 12 de xaneiro. Neste horario, os visitantes poderán acceder ao recinto a pé, no seu vehículo particular, ou utilizando o autobús urbano. A área de acceso libre será a que rodea os dous edificios inaugurados: a Biblioteca e o Arquivo de Galicia.

O horario de atención ao público da Biblioteca e do Arquivo será de 8:30 a 14:30 horas de luns a venres. Neste horario, os cidadáns poderán facer uso dos servizos que estas institucións comezarán progresivamente a prestar. Ademais das funcións propias destas institucións, os dous edificios dispoñen de espazos para acoller exposicións. Para visitalas, poderá facerse todos os días da semana de 10:00 a 14:00 e entre as 16:00 e as 20:00 horas. Neste momento, están abertas tres: Peter Eisenman. A Cidade, Espazos propios de Candida Höfer e Exlibris Gallaeciae. Dos libros de Galicia.

Visitas guiadas
Todos os días, ás 12:00 e ás 18:00 horas, sairán visitas guiadas dende o Punto de Información da Cidade da Cultura de Galicia, situado no Espazo ON, nos soportais da Biblioteca de Galicia. Para participar abonda con presentarse na hora marcada. O itinerario incluirá un percorrido na compaña dun guía profesional polo Arquivo, a Biblioteca de Galicia e as tres exposicións en marcha.

As fins de semana haberá un servizo especial de visitas guiadas que recollerá ós participantes en autobús en Santiago. Os sábados e domingos, ás 12:00 e ás 17:00 horas, sairá un autobús dende a sede da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, no número 2 da rúa de San Roque. Para participar é preciso reservar praza na web www.cidadedacultura.org ou chamar ao 881997570 entre as 9:00 as 14:00 horas. Estas visitas incluirán un percorrido en autobús polo exterior da Cidade da Cultura de Galicia e logo un itinerario pola Biblioteca, o Arquivo e as exposicións.

Compartir: