CULTURA

A música e a palabra solidarias volven ao Principal na VI edición de "Implícate"

03/01/2011 A organización non gobernamental galega Implicadas no Desenvolvemento organiza unha nova edición de Implícate, noite de música e palabra solidarias. O Teatro Principal acolle o domingo 9 de xaneiro, ás 20.30 horas, a sexta edición deste festival, no que creadoras e creadores dos campos da música, a literatura, o teatro, a danza e o circo ligan cooperación internacional e cultura galega e axudan dende o escenario a transmitir a mensaxe solidaria de Implicadas.

O director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez; a presidenta de Implicadas no Desenvolvemento, María Reimóndez; e Yolanda Castaño e Luis Tosar, presentadores do evento, deron a coñecer a VI edición do festival. A poeta Yolanda Castaño é tamén a responsable da programación artística, da que destacou a notable presenza feminina.

O apartado musical inclúe este ano a música tradicional de Leilía, o rock de Som do Galpom, e o hip-hop de Wöyza. O Centro Coreográfico Galego achegará números de danza, e o teatro virá da man de Quico Cadaval e do proxecto cómico "Life is a Paripé", con Iolanda Muíños, César Goldi e Mos. Como cada ano, a literatura estará presente sobre o escenario, desta volta con Ánxela Gracián, Lino Braxe, Marica Campo e Séchu Sende. Tamén participa Pista Catro cun espectáculo á entrada do teatro.

"O obxectivo de Implícate -sinalou Yolanda Castaño- é por unha banda dar a coñecer o traballo de Implicadas e concienciar do que cada persoa poder facer, e por outra parte vincular cooperación internacional e arte e cultura galegas". Ao longo da noite, o público poderá coñecer a filosofía de traballo de Implicadas, o tipo de proxectos de cooperación ao desenvolvemento que están a levar a cabo en comunidades do sur en India e Etiopía, a estrutura da organización e as actividades de sensibilización e concienciación que realiza no ámbito galego.

Como cada ano, o festival xira arredor dun tema, que desta volta será a nova campaña da ONG. Co nome "1 de 200", busca reunir 200 socias para financiar un proxecto de erradicación do infanticidio feminino no distrito de Salem, no sur da India. "O reto de chegar ás 200 socias é especialmente importante", destacou Luís Tosar, "polo que este vai ser o leitmotiv de toda a noite". O proxecto conta cunha web propia.

María Reimóndez lembrou que Implicadas no Desenvolvemento é unha ONG con 13 anos de existencia, caracterizada por ser galega e ter "o xénero como base de todo o traballo". Dende hai seis anos desenvolve este festival que serve "para darlle visibilidade ao traballo de Implicadas e voz ás mulleres do sur".

As entradas para o festival están á venda na billeteira electrónica de Caixa Galicia, onde se habilitou tamén unha fila cero para aquelas persoas que non poidan asistir ao espectáculo, pero desexen facer unha achega económica. O propio día do festival tamén poderán ser adquiridas as entradas no despacho de billetes do Teatro Principal. A recadación irá destinada ao proxecto "1 de 200".

Compartir: