PLENO

O alcalde destaca o dinamismo e a fortaleza da cidade malia a crise

15/12/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, fixo balance da xestión municipal no último exercicio. A piques de rematar 2010 e malia o impacto da crise económica, constata unha cidade dinámica, sólida e "nas mellores condicións para, no momento da saída da crise, amosar ao mundo a nosa fortaleza".

Sánchez Bugallo defendeu unha xestión que, nestes tempos de crise económica, permitiu "dotarnos de infraestruturas e equipamentos imprescindibles para garantir a competitividade futura de Compostela ao tempo que unha mellor e máis rápida saída da crise". En virtude destas accións políticas, queda unha cidade "mellor preparada para enfrontar o futuro laboral, económico, empresarial e de calidade de vida, grazas ás proxeccións de crecemento e ordenación recollidas no PXOM, que son continuidade dun traballo serio e permanente deste Goberno Municipal no presente e nos mandatos anteriores".

Xa pasando a analizar puntos en concreto, destacou o labor de EMUVISSA na xestión de solo residencial e empresarial e para "o mantemento da actividade construtiva en Compostela no peor momento da explosión da burbulla inmobiliaria, que tantos estragos ten realizados na nosa contorna".

Recordou que no haber de EMUVISSA está "o planeamento e a xestión dos SUNP, SUP e Peri dos polígonos de vivendas en Fontiñas, Pontepedriña, Meixonfrío, A Choupana, Castro de Abaixo, Santa Marta e Cornes, xa finalizados, cun total de 2.454 vivendas construídas". Nestes momentos, engadiu, "están en execución os SUP e SUNP dos polígonos de Pontepedriña, Lamas de Abade, A Muíña, Tras Paxonal e O Castiñeiriño, nos que se constrúen 1.979 vivendas, das que 1.607 son protexidas". Cara o futuro, tamén salientou o Plan Parcial da Pulleira, solo no que "se van construír nos próximos catro anos 2.209 vivendas, todas elas en réxime de vivenda de protección autonómica".

Ademais, citou o esforzo urbanización de EMUVISSA na urbanización de solo empresarial: "O polígono Costa Vella, primeiro sector, quedou finalizado en 2006 cunha superficie total de 395.664 metros cadrados, con capacidade para 131 parcelas de uso industrial ou comercial. Na actualidade, EMUVISSA xestiona os polígonos de Costa Vella, terceiro sector, de 167.310 metros cadrados, con capacidade para 33 parcelas, e o de Formarís cunha extensión total de 279.390 metros cadrados, con capacidade para 105 parcelas.

Máis solo urbano e industrial
No eido ca construción de vivenda, á marxe da empresa municipal, valorou o "ritmo satisfactorio da xestión do Departamento de Urbanismo, co visto bo a proxectos como o Plan Especial do Campus Universitario ou do solo da Pulleira, e a tramitación doutros en Vite de Arriba, Sarela, Monte do Seixo, estrada de Vigo, Torrente, Muíño de Vidán, Agra dos Campos, Campos-Aríns e Monte do Gozo-Aríns, ademais dos catro polígonos da zona norte, de Mallou a Amio, "cos que incorporaremos máis dous millón de metros cadrados ao solo urbano da cidade".

Neste punto, recordou que, nun contexto de crise e de descenso na construción en relación a 2009, "por segundo ano consecutivo, Santiago segue a ser a primeira cidade de Galicia no tocante a conceder máis licenzas de obras. Licenzas, entre outras, para 732 vivendas novas, 93 licenzas de primeira ocupación e 1.071 permisos para obras menores, maiores e segregacións. Ata o 15 de novembro o Departamento de Urbanismo xestionou 1.764 expedientes".
No capítulo do solo industrial, indicou que "somos a terceira zona comercial e industrial de Galicia, e contaremos coa maior oferta de solo empresarial e as mellores posibilidade de expansión". Neste sentido, citou a consolidación do Tambre e a súa ampliación, os parques de Boisaca e Costa Vella I; os 1.450.000 e os futuros da Sionlla, Formarís e Costa Vella III. Tamén se referiu neste apartado á modificación do Plan Parcial do Polígono do Tambre para adecualo á actual evolución da actividade económica, e á necesidade de impulso do parque Tecnolóxico.

Mellora das comunicacións
O alcalde compostelán fixo igualmente un repaso do estado das infraestruturas de comunicación das cidades, comezando pola próxima ampliación da AP-9, "un proxecto cunha gran visión de futuro que permitirá resolver os problemas de entrada e saída da cidade, con acceso fácil ás áreas industriais, contribuíndo deste modo a esa mobilidade para persoas, mercancías e produtos tan importante para o desenvolvemento empresarial".

En canto á estación intermodal, indicou que "está na última fase de estudo logo de arduas negociacións con ADIF sobre as que ten pesado, non podemos negalo, a nova situación económica". Adiantou que "se van cumprir os nosos propósito e esixencias de contar cunha estación moderna perfectamente inserida no tecido da cidade, que articulará a permeabilidade peonil entre Pontepedriña e o Ensanche, e que, como anunciamos reiteradamente, cambiará a fisionomía da zona, converténdose deste modo na infraestrutura urbana máis importante do inicio de século".

Sánchez Bugallo valorou a marcha "mellor do previsto" da chegada do AVE a Compostela, "o que nos fai pensar que é acaída a data de decembro de 2011 para recibilo". "Neste tempo que falta, estará tamén concluída a electrificación da liña Santiago-A Coruña e estaremos en condicións de viaxar a Madrid en pouco máis de catro horas. Unha vez rematado o tramo Ourense-Zamora, o AVE situaranos a menos de tres horas da capital do Estado", engadiu.

A propósito do aeroporto de Lavacolla, insistiu na primacía do mesmo en Galicia e no adiantado das súas obras. "Isto pon de manifesto que, coa posta en servizo no mes de abril, grazas ao esforzo do actual ministro de Fomento, teremos gañado máis de dous anos e realizado en Compostela un investimento total de 270 millóns de euros", apuntou.

Outra das infraestruturas, a do túnel do Hórreo, dixo, "desenvólvese con menos dificultades das previstas grazas, haino que repetir constantemente, á previa apertura dos vieiros de Clara Campoamor e Cornes, á correcta organización do departamento de tráfico municipal, á boa xestión da empresa construtora e, especialmente, grazas á comprensión e paciencia dos cidadáns que habitualmente utilizan esta vía; temos a seguridade de cumprir os prazos de execución previstos e rematar o novo dobre vieiro antes do mes de abril",.

Preocupación pola Cidade da Cultura
Sobra a Cidade da Cultura, lembrou que "hoxe coñecemos oficialmente, tanto pola vía dos orzamentos da Xunta como polas declaracións públicas do señor conselleiro de Cultura, que non existe previsión orzamentaria para o vindeiro ano para acometer as obras de conexión coa cidade nin coa AP-9 e que a construción dos dous edificios que restan permanecerá paralizada, polo menos, durante os anos 2011, 2012 e 2013". Por todo, isto, afirmou "dende o Goberno Municipal seguiremos demandando que se remate a Cidade da Cultura conforme ao proxecto arquitectónico orixinal de Peter Eisenman. Seguiremos mantendo o noso apoio e colaboración, pero non obviamos o temor e a preocupación a que se desnaturalice o proxecto. Que no lugar de referente cultural remate por converterse noutra cousa".

Transformación urbana
Outra parte da intervención de Sánchez Bugallo ocupouse das execucións urbanas realizadas neste exercicio, "obras moi criticadas pola súa abundancia e as molestias que naturalmente ocasionan", pero "necesarias e oportunas e que "de adialas nos próximos anos, non se farían pola falta de recursos". Así sucedeu coas 37 novas actuacións incluídas no Plan FES 2010, cun investimento superior aos dez millóns de euros, ou coas comprendidas no convenio de travesías, cun orzamento superior aos 11,5 millóns de euros (avenida de Castelao, Galeras-Salvadas-Vista Alegre e Rosalía de Castro-Santa Marta-Choupana). Tamén se referiu aos catro novos proxectos do convenio de espazos públicos e ás intervencións na zona histórica: praza de Marcial Villamor e rúa do Olvido, calzadas de San Pedro e Santo Antonio, rúa de Trindade, Raxoi, Espírito Santo, Cruceiro do Gaio, Belvís, Campo das Hortas ou Poza de Bar, entre outras.

O plan de reparación de rúas e beirarrúas acometido no verán, o asfaltado nas vías do rural e as obras da rede de colectores xerais foron outras actuacións glosadas no discurso do alcalde. Todo isto redundou en que, malia a redución de ingresos e os recortes no gasto corrente, se lograra manter un investimento real de 400 euros por habitantes, cunha cifra de investimentos por riba dos 38 millóns de euros, "de xeito que puidésemos soster a prestación de servizos, manter a capacidade investidora e evitar un déficit que puidese hipotecar máis adiante o escenario económico. Ese propósito investidor estase a cumprir plenamente".

O motor turístico de Galicia
Capítulo especial mereceu o sector turístico, sinalando que "Compostela é un exemplo de recuperación patrimonial e cultural excelente, o que contribúe e propicia que sexa un dos poucos destinos turísticos capaces de resistir as danos da crise". Lembrou que "os datos oficiais de pernoctacións confirman que Santiago é o principal motor e destino turístico de Galicia".

Esta realidade tradúcese tamén no crecemento do tráfico aéreo de Lavacolla, no incremento das compañías que nel operan e na apertura de novas liñas de comunicación. Segundo dixo, "os datos a 30 de outubro sinalan un movemento de pasaxeiros de 1.827.721 o que supón un aumento respecto do pasado ano do 9 %, e unha cota do mercado galego do 49,46%". Ante estas cifras, amosou "unha moderada satisfacción sen deixar de mirar de esguello o pantasma da crise, e debo atribuír o éxito, en boa parte, a renovación dos convenios coas operadoras de baixo custo e, especialmente, á implantación de Ryanair".

Así, respecto á polémica polo reparto de subvencións autonómicas ás compañías de baixo custo, indicou que "en todo momento mantivemos un clara postura de prudencia, seguridade e firmeza, ao tempo que de confianza no noso potencial como aeroporto principal de Galicia. Avalan esa confianza os resultados da distribución de axudas realizada pola Secretaría Xeral de Turismo para 2010". Para Sánchez Bugallo, "este balance de resultados fala por si mesmo, porén nós, sen entrar en polémicas estériles, realizamos as xestións oportunas, nos despachos adecuados e estamos en condicións de afirmar que o futuro da nova terminal de Lavacolla está asegurado grazas á preferencia amosada polas operadoras de baixo custo, do mesmo xeito que os turoperadores, por Santiago de Compostela, que manterán a súa actividade ascendente no vindeiro ano".

Malia a preocupación inicial pola política de promoción exterior do Ano Santo, destacou os bos resultados do mesmo, aos que tamén contribuíu decisivamente, na súa opinión, o anuncio da visita do Papa Bieito XVI. Neste punto, referiuse ao esforzo do Goberno Municipal para o mantemento do tráfico, a seguridade e a limpeza: "Xa no mes de abril foron reforzados estes servizos para todo o Xacobeo. Só o incremento en limpeza representou un custo de 245.591 euros. O orzamento a maiores destinado á Policía Municipal e Servizo de Bombeiros superou o millón de euros".

Destacou tamén o esforzo realizado neste 2010 para recibir a oito millóns de visitantes. "Unha vez máis, demostramos estar capacitados para recibir calquera tipo de eventos e resolvelos con eficacia. Isto obríganos a manter e aumentar os criterios ata agora empregados na conservación e promoción da cidade e dos camiños que conducen a Santiago", afirmou.

Atención aos menos desfavorecidos
"O noso deber como goberno de progreso ao inicio do ano aconsellounos primar os servizos sociais, protexer os menos favorecidos", indicou o alcalde noutro punto da súa intervención, engadindo que "mantivemos o temón firme e podemos falar de resultados esperanzadores, ao tempo que facemos os equilibrios necesarios para que no vindeiro ano sigan sendo obxectivo de prioridade no noso proxecto de cidade".

"Prestamos atención a case duascentas familias en situación de vulnerabilidade social, traballamos contra o absentismo escolar, na dinamización sociocomunitaria, continuamos e regulamos o Servizo de Atención Domiciliaria e Comunitaria á Infancia, orientamos aos inmigrantes, financiamos o Servizo de Axuda no Fogar para atender a preto de 170 persoas, levamos adiante os programas de drogodependentes, contra a violencia de xénero e de erradicación das infravivendas, seguimos colaborando co secretariado xitano e creamos novos programas de educación para adultos", indicou, citando algúns dos aspectos deste traballo social.

Xa no eido da atención sanitaria, reclamou á Xunta a rápida execución dos centros de saúde de Galeras e Conxo e expresou a súa preocupación "pola nova política desenvolvida pola Consellería de Sanidade no CHUS que, ademais do crecemento das listas de espera, supón un perigo para o prestixio acadado por Santiago como área de referencia hospitalaria de Galicia".

Calidade de vida
A defensa da Universidade, o mapa de escolas infantís públicas, o apoio ao deporte de base e profesional, a mellora na eficiencia da rede de centros socioculturais, o fomento da participación cidadá a través da Casa das Asociacións, a incorporación da Selva Negra á ampla dotación de zonas verdes, as novas prazas de aparcadoiros, a conxelación das taxas municipais, a conmemoración do 800 aniversario da consagración da Catedral ou as diversas infraestruturas que se inaugurarán en 2011 foron tamén abordados polo alcalde na súa intervención ante o Pleno.

Para Sánchez Bugallo, a fotografía de logros e esixencias cidadáns relatada no seu discurso transmite "a imaxe fiel dunha cidade viva, dunha cidade non concluída, non rematada, que segue evolucionando, dunha cidade na que as demandas e presións cidadás teñen resposta na acción do Goberno Municipal". Este, concluíu, "traballa polo ben común e por facer de Santiago de Compostela unha cidade de concordia e benestar. Nese camiño imos continuar na próxima década se contamos coa confianza maioritaria dos cidadáns".

Quendas de intervención
Antes deste peche, a primeira intervención do alcalde sometérase a debate tras un período dunha hora de receso. Interviñeron, de menor a maior representación, os tres grupos do Pleno. Falaron, respectivamente, Socorro García Conde, polo BNG; Marta Álvarez-Santullano, polo PSOE; e Gerardo Conde Roa, polo PP. Estes mesmos voceiros municipais fixeron uso dunha segunda quenda, para finalmente pechar o alcalde o debate coa súa réplica.

Cómpre lembrar que este debate, que puido ser seguido en directo a través desta web, está contemplado no Regulamento Orgánico Municipal do Pleno do Concello aprobado en Pleno o 27 de decembro de 2007. En cada mandato corporativo terán lugar tres sesións extraordinarias dedicadas a este debate do estado do Concello.

Compartir: