CONSORCIO

O Consorcio e o Cabildo traballarán xuntos na xestión da conmemoración do 800 aniversario da consagración da Catedral

09/12/2010 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o deán-presidente do Cabildo da Catedral, José María Díaz, asinaron o protocolo de colaboración que permitirá que ambas institucións traballen xuntas na xestión da conmemoración do 800 aniversario da consagración da Catedral de Santiago, que se celebrará en 2011.

Este feito, recoñecido como de excepcional interese público, permitirá que as entidades privadas que colaboren no programa establecido para a conmemoración gocen de bonificacións e exencións fiscais. Deste xeito, o Consorcio xestionará un orzamento específico para a conmemoración do 800 aniversario da consagración da Catedral, confeccionado a partir dos recursos obtidos dos patrocinadores privados que colaboren. Destes fondos, o 70% será destinado a financiar as diferentes obras de restauración e mantemento contempladas no Plan Director da Catedral e os estudos previos do Plan Director de Infraestruturas da Cidade Histórica relacionadas co conxunto catedralicio (subministro enerxético, telecomunicacións, etc).

De modo paralelo, o Consorcio e o Cabildo colaborarán na execución dun programa cultural, que será financiado co 30% restante. O programa constará de dúas exposicións, unha sobre a historia da Catedral e outra sobre a cidade de Santiago na época da consagración da basílica (século XIII). Tamén se programarán ciclos musicais, asociados aos xa consolidados polo Consorcio de Santiago: Festival de Músicas Contemplativas, Compostela Organum Festival e ciclo da Real Filharmonía de Galicia.

Para darlle unidade a todas estas accións, creouse unha marca única, a modo de logotipo, que será a imaxe asociada á conmemoración.

Acontecemento de excepcional interese público
Tal e como se recolle no documento asinado, considérase idónea a efeméride para darlle un impulso aos traballos de restauración e mantemento contemplados no Plan Director de Obras da Catedral, de tal modo que para o próximo Ano Santo 2021 o conxunto arquitectónico estea totalmente restaurado. Neste sentido, dende o Consorcio traballouse para conseguir o recoñecemento deste aniversario como evento de excepcional interese público, feito que se produciu o 4 de novembro, cando así se decidiu no Congreso dos Deputados. Esta decisión permitirá aplicar o réxime especial de mecenado establecido na Lei 49/2002, polo que as entidades patrocinadoras poderán recibir os máximos beneficios fiscais que a Lei prevé, nas mesmas condicións que neste Ano Santo.

O Plan Director da Catedral de Santiago
O Plan Director da Catedral de Santiago, destinado a regular todas as obras a executar na conservación do conxunto arquitectónico da basílica xacobea, ten o seu inicio en 2005, cando a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Cabildo da Catedral asinan un convenio de colaboración. Tras as aprobacións preliminares, o Plan foi ratificado finalmente polo Concello de Santiago o 27 de outubro de 2009. Este documento establece un programa de actuación que contempla intervencións prioritarias, outras secundarias e actuacións de remate en fachadas, cubertas e torres, entre outras, por un importe total de 24 millóns de euros.

A consagración da Catedral
O 21 de abril de 1211 tiña lugar a solemne cerimonia de consagración da Catedral de Santiago, presidida polo entón rei de León Alfonso IX, ao que acompañaron o seu fillo, o futuro rei San Fernando, 10 bispos galegos e portugueses e todas as personalidades eclesiásticas e civís de León e Galicia. Foi sen dúbida o principal evento dunha cidade que neses momentos gozaba de numerosos privilexios que permitiron acometer o final das obras na basílica, a cargo do Mestre Mateo, e axudaron a que se implantasen en Compostela ordes relixiosas, artesáns e operarios. Todo nun dos momentos máis álxidos das peregrinacións á tumba do Apóstolo Santiago.

Compartir: