NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

"Xantar Compostela" promove o uso do galego na hostalería a través de manteis

03/12/2010 A Concellería de Normalización Lingüística colabora na difusión da campaña Xantar Compostela, posta en marcha pola Asociación Hostelería Compostela e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Esta iniciativa busca, a través do sector hostaleiro, fomentar o uso da lingua galega, visibilizar a presenza do idioma e favorecer a súa oferta positiva.

Os materiais que centran esta campaña son catro modelos de manteis pensados para amenizar en galego o tempo de espera inevitable para degustar un bo prato. Hai dous modelos para nenos, que inclúen pasatempos e que se complementan cunhas caixas con lapis de cores para debuxar. Os outros dous modelos teñen os adultos como destinatarios. Un deles contén unha sopa de letras e o outro, dirixido a persoas estranxeiras, inclúe palabras en galego coa súa tradución ao castelán, inglés, francés e alemán, co obxectivo de dar a coñecer a nosa lingua aos turistas e facela visible para quen non está en disposición de usala. Distribuiranse 200.000 manteis.

A iniciativa foi presentada polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, e o director de Comunicación e Márketing da Asociación Hostelería Compostela, Aser Álvarez, acompañados pola concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez.

Impacto social
O sector da hostalería ten unha grande importancia na economía de Santiago de Compostela e de Galicia, polo que a súa aposta polo galego é fundamental como exemplo para a hostalería do resto da Comunidade Autónoma e como exemplo para outros sectores empresariais da cidade. Por outra banda, as accións neste sector teñen un impacto social importante pola relación directa que establecen co cliente e porque os restaurantes, bares e cafeterías son espazos de múltiples relacións sociais susceptibles de funcionar en lingua galega.

A Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago de Compostela e Comarca é unha entidade que aglutina máis de 1.500 socios entre locais de hospedaxe e restauración de máis de 50 concellos de Compostela e de toda a comarca. Este colectivo é o máis importante de Galicia en termos cualitativos e cuantitativos e un dos máis potentes de España.

Compartir: