CIDADE HISTÓRICA

A concelleira de Cidade Histórica, satisfeita e orgullosa pola concesión do premio Cidades Patrimonio da Humanidade

02/12/2010 A Oficina de Cidade Histórica e Rehabilitación da Concellaría de Cidade Histórica, foi galardoada co Primeiro Premio Cidades Patrimonio da Humanidade que convoca o Ministerio de Cultura. Pedreira compareceu na Casa do Concello, acompañada da arqueóloga municipal, Dolores Cerqueiro, e do xefe de servizo da OCIHR, Javier Fernández, para agradecer este premio e compartilo con todas as persoas que axudaron a conseguilo.

O xurado valorou, á hora de entregar este galardón, "unha continuada intervención integral modélica, unha filosofía e un modo de proceder na actuación arquitectónica e urbanística nos ámbitos históricos, mantendo, por unha banda o seu carácter monumental e, por outro, favorecendo a súa habitabilidade". Neste sentido a concelleira destacou precisamente que o galardón viña premiar a forma de traballo, a metodoloxía utilizada dende a Oficina e "iso é especialmente agradable". Así, a candidatura ao premio exemplificouse dende a Concellaría en 13 intervencións de reurbanización e mellora urbana: rúa Raxoi; rúa Trinidade; entorno de San Fructuoso; rúa San Clemente; rúa Poza de Bar e Cruceiro do Gaio; Campo e Costa do Cruceiro do Gaio; Campo das Hortas; Calzada de San Pedro; rúa Belvís; mirador de Belvís; Calzada de Santo Antonio; rúa Espírito Santo; e rúa Olvido e entorno.

Premiouse polo tanto o proceso e metodoloxía aplicados a cada unha destas obras. Olga Pedreira destacou que "cando planificamos unha mellora nunha rúa ou praza da Cidade Histórica sabemos que dende ese primeiro paso ata que a obra está rematada pasarán algo máis de dous anos de media, dos cales só seis meses son de obra". Isto quere dicir, engadiu a concelleira, que "boa parte do traballo é unha labor administrativa, arqueolóxica e de reflexión e planificación". "Estas 13 obras non se poderían facer se non existise antes ese traballo planificado e de estudo previo porque a Cidade Histórica, polas súas particulares condicións, non admite nin improvisacións, nin presas", destacou a concelleira.

Pedreira fixo memoria lembrando que o traballo que se premia agora comezouse a mediados de 2008, un momento no que todo parecía indicar que o nivel de investimento se iría ralentizando. Daquela, dende a Concellaría, decidiuse abrir un novo capítulo na forma de traballar e de planificar as obras e intervencións na Cidade Histórica. Ese traballo planificado puido executarse pouco despois, ao chegar o convenio coa entón Consellería de Vivenda e, xa máis adiante, cos Fondos de Investimento Local. "O feito de ter xa o traballo planificado cando chegaron eses fondos, permitiunos abordar ese enorme investimento de 7 millóns de euros con garantías, rigorosidade e calidade", afirmou a concelleira.

A concelleira quixo agradecer aos 24 arquitectos e 8 arqueólogos que traballaron nas distintas obras, así como aos demais técnicos o seu traballo e a súa dedicación e afirmou que este premio tamén é deles. E tivo unha mención especial tamén para os traballadores da Concellaría, dos que destacou "o esforzo e o cariño co que se fan as cousas sen que os atrancos que xorden en todos os procesos mine nunca o seu ánimo", así como para a veciñanza que foi parte moi importante nas propias obras, xa que se mantivo un contacto constante con eles e "fixeron grandes achegas aos proxectos, aportando as súas propias reflexións e especificando as necesidades".

A concelleira rematou indicando que con esta nova forma de traballo participativo, de pensar a Cidade Histórica como un conxunto, o que se buscaba era conseguir unha zona habitable na que, aínda que se mantivera a pegada particular de cada arquitecto na súa obra, todo fora un conxunto coherente no que todos, técnicos e veciños se viran reflectidos e representados. Polo tanto, "recibir un premio por esta forma de traballo é para nós moi reconfortante e satisfactorio", rematou a concelleira.

Compartir: