EDUCACIÓN

Un traballo sobre a historia das letras para alumnos de Educación Infantil gaña a VIII edición dos Premios Educacompostela

29/11/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu en Raxoi a entrega dos galardóns da VIII edición dos Premios Educacompostela. Este certame é convocado pola Concellería de Educación e a Nova Escola Galega para recoñecer, promover e premiar os materiais que contribúan ao desenvolvemento educativo de Galicia.

Un traballo titulado Historia das Letras, presentado por Margarita Alborés Alborés, do CEIP Pío XII foi o gañador destes VIII Premios Educacompostela. O Xurado apreciou neste proxecto, dirixido ao alumnado de Educación Infantil, "o tempo e o proceso da experimentación" e que este dá conta do "esforzo pola innovación e investigación nunha traxectoria de 30 anos que avalan este proxecto". Así mesmo, incide na "boa fundamentación e no discurso perfectamente plasmado", que pon de manifesto "a profunda renovación" que achega.

O segundo premio foi para David González Gómez e o alumnado de 4º da ESO DO CPI Doutor Daniel Monje, de Navia de Suarna, Lugo, cun traballo denominado Preocupacións. Esta proposta foi recoñecida "pola súa complexidade e a implicación do alumnado tanto na elaboración como na representación do mesmo: unha curtametraxe de animación que amosa como temática de fondo a realidade cotiá das vidas adultas cos seus problemas e preocupacións". O Xurado tamén destacou a súa "aplicabilidade do recurso a contextos diversos" e que, en si mesmo, sexa "unha innovación educativa a nivel tecnolóxico".

O xurado concedeu o terceiro premio a Patricia Cinza Sanjurjo, do CEIP Casás (Lugo) e Isabel Seijas Funcasta, do CEIP Cruceiro de Sanxenxo (Pontevedra), por un proxecto conxunto baixo o título Achegamento ás TIC en Educación Infantil: O conto dixital. Neste caso valorouse a "fundamentación e o discurso coherente entre a animación e o emprego das tecnoloxías da información e da comunicación". Apreciouse tamén "a implicación das familias e do propio alumnado participante" e "a conservación das variantes dialectais do galego na expresión do conto".

Finalmente, concedeuse unha mención especial ao traballo Ad Latinitatem, elaborado por José Alfonso Blanco Quintela, do IES Fontexería, en Muros. Ao Xurado chamoulle a atención este proxecto "pola súa orixinalidade, creatividade e innovación á hora de tratar o latín co alumnado de 4º da ESO". Considera que "cobre un baleiro de materiais que non existía para estas idades e propón unha metodoloxía alternativa para a ensinanza do latín diferente do libro de texto, ademais de integrar as áreas musicais coa ensinanza desta materia".

Acompañaron ao alcalde na entrega dos premios a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, e a presidenta de Nova Escola Galega, María Dolores Candedo.

Renovación pedagóxica
Os Premios Educacompostela recoñecen, promoven, premian e difunden publicamente aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.

Os materiais didácticos poden estar dirixidos aos diferentes niveis do ensino e tratar sobre aqueles temas que o profesorado considere oportuno abordar no desenvolvemento do currículo nos seus centros educativos, ben sexa en Educación Infantil, Primaria ou Secundaria. Así mesmo, tamén se poden presentar materiais elaborados e destinados para o contexto non formal e informal. A dotación económica é de 1.200, 900 e 600 euros, respectivamente, para os tres gañadores.

Compartir: