PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Participación Cidadá e a Asociación de Hostalería de Santiago organizan dous cursos de cociña tradicional

29/11/2010 A programación de Participación Cidadá para o inverno traen tamén como novidade dous cursos de cociña tradicional, con degustación incluída, dirixidos aos colectivos sociais e veciñais. Están organizados en colaboración coa Asociación de Hostalería de Santiago de Compostela e Comarca e impartiranse no Centro de Formación e Cultura que a entidade ten na rúa das Salvadas, 29-31 baixo.

A concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, presentou este curso, que se celebrará en dúas quendas: unha primeira os días 2, 9, 14, 16, 21, 23, 28 e 30 de decembro de 2010 (martes e xoves); e unha segunda os días 11, 13, 18, 20, 25 e 27 de xaneiro e 1 e 3 de febreiro (martes e xoves). En ambos casos, as clases terán lugar de 16:30 a 19:30 horas. O prezo do curso é de 25 euros.

En cada quenda elaboraranse oito menús tradicionais, consistentes en primeiro, segundo e sobremesa. Ao remate da sesión degustarase o menú cociñado esa tarde. Na primeira das convocatorias, en concreto na sesión do día 23, prepararase un menú de Noiteboa, e na clase do 25 de xaneiro cociñarase un menú de Entroido.

Acompañaron a Guadalupe Rodríguez na presentación o presidente da Asociación de Hostalaría de Santiago de Compostela e Comarca, Jesús Sordo, e o xerente da mesma, Andrés Cornide. Todos aproveitaron para destacar as bondades da dieta atlántica, que se promoverán tamén a través destes cursos. Ademais, segundo Sordo, os asistentes aprenderán "como comprar" e os "trucos" de cociña para "sorprender aos seus convidados" con menús equilibrados.

Os interesados en asistir ao curso poden anotarse persoalmente na Casa das Asociacións (rúa Manuel Beiras, 3) ou por correo electrónico na seguinte dirección: participacioncidada@santiagodecompostela.gal. O prazo para a primeira quenda remata o 30 de novembro. Cada persoa recibirá un mandil, un gorro de cociña e material didáctico para o curso e, ao final, o seu certificado de asistencia.

Compartir: