EDUCACIÓN

O Grupo de Cidades Patrimonio premia a máis de 220 escolares e reúneos en Córdoba

27/04/2010 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España reuniu en Córdoba a máis de 220 escolares gañadores da novena edición do programa educativo Coñecer as Cidades Patrimonio. Alí estiveron, en representación de Santiago, os alumnos e alumnas de 4º da ESO do IES de Sar, que gañaron esta edición co traballo denominado Segovia, tras as reixas dos que foron mud@s, dirixido pola profesora Carmen Alvariño Alejandro.

Este Programa, dirixido a todos os alumnos de ESO dos centros escolares das trece cidades españolas declaradas patrimonio da humanidade, ten como obxectivo concienciar aos escolares sobre a importancia de vivir nunha cidade patrimonio, propiciar o seu coñecemento e disfrute como a mellor maneira de implicarse na súa mellora e conservación, percibíndoo como parte do seu presente e da súa propia identidade.

O encontro en Córdoba ten unha duración de dous días, durantes os cales se levarán a cabo as exposicións dos trece traballos gañadores, así como unha serie de actividades lúdicas e de intercambio entre os mozos procedentes das distintas cidades. A entrega de diplomas, realizada no Auditorio do Xardín Botánico, correu a cargo de Saturnino González, presidente da Comisión de Educación do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade, quen subliñou a importancia que ten este tipo de programas educativos como "unha forma máis de transmitir ás futuras xeracións a importancia e responsabilidade de vivir nunha cidade declarada patrimonio mundial, fomentando unha actitude activa, receptiva, dialogante e protagonista ante os problemas e posibilidades que poidan xurdir nelas".

A edición 2009 do Programa Coñecer as Cidades Patrimonio, cuxa temática é "espazo urbano e memoria social", comezou a difundirse nos centros educativos en setembro de 2009 e a mediados de outubro xa se recibiran 100 fichas de inscrición. Os trece traballos gañadores foron seleccionados por un xurado de concelleiros e técnicos de todas as cidades entre máis de 65 traballos presentados.

Este Programa educativo, que o Grupo vén realizando dende hai 9 anos, conta coa participación activa dos profesores interesados, que reciben unha formación con contido específico da convocatoria e doutros temas xerais relacionados co Patrimonio Cultural. Dende a súa creación, a dinámica de traballo baseouse nun emparellamento de cidades, é dicir, unha cidade realiza o traballo de investigación sobre a outra e viceversa, que se complementa cunha visita de intercambio á cidade emparellada.

Documentos relacionados



Compartir: