CONSUMO

Unha nova guía da OMIC informa ao consumidor sobre algunha das pólizas de seguro máis habituais

15/03/2010 Con motivo do Día Mundial do Consumidor, a Oficina Municipal de Información ao Cidadán (OMIC), vén de lanzar unha das súas guías. Nesta ocasión trátase dunha Guía de Seguros, tanto no ámbito do fogar e das viaxes. Ademais, tamén se editou unha breve guía dos dereitos dos consumidores da electricidade, informando fundamentalmente do chamado bono social.

O concelleiro de Sanidade e Consumo, Andrés Fariña, presentou esta nova Guía de Seguros, que dá continuidade a outras xa editadas con anterioridade neste ámbito. Acompañárono o responsable da OMIC, Antón Barba, e o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Miguel López Crespo.

A publicación comeza cunha ampla explicación de todo o relativo aos seguros multirrisco do fogar. Así, informase sobre aspectos como os tipos de póliza segundo as coberturas, as garantías básicas que ofrecen estas pólizas e unha relación en detalle dos riscos habitualmente asegurados: responsabilidade civil, incendio, explosión, impacto, privación de goce, fume, auga, riscos extraordinarios, alimentos, garantías fóra de domicilio, asistencia no fogar, roubo ou danos estéticos.

A Guía aconsella ao consumidor sobre aqueles aspectos que debe ter en conta á hora de contratar a póliza no préstamo hipotecario e infórmao sobre os límites e exclusións máis frecuentes nas coberturas. Xa finalmente, indícase o procedemento que o usuario debe seguir cando xorden diverxencias na valoración do sinistro, caso este no que a solución vén da man da arbitraxe. Un aspecto no que se incidiu na rolda de prensa foi o do procedemento para evitar problemas á hora de indemnizar.

Outro dos apartados da Guía é o do seguro decenal, isto é, aquel que garante durante un período de dez anos todos os danos producidos por vicios ou defectos na construción e que afectan de xeito directo á resistencia do edificio. O promotor é o tomador do seguro e está obrigado por lei a subscribir este seguro. Tras a venda don inmoble son os compradores os que se converten nos beneficiarios da póliza. Explícanse detalladamente as responsabilidades e garantías e os danos cubertos.

A publicación da OMIC tamén dedica un espazo ao seguro de defensa xurídica, que ten por obxecto garantir o pago dos gastos nos que poida incorrer o asegurado como consecuencia da súa intervención nun procedemento administrativo, xudicial ou arbitral, e prestarlle os servizos de asistencia xudicial ou extraxudicial derivadas da cobertura do seguro. Grazas a este seguro, que debe ser obxecto dun contrato independente, o asegurado poderá designar procurador e avogado que o defenda en calquera clase de procedemento ou conflito de intereses entre as partes.

O último apartado da Guía explica as principais características do seguro obrigatorio de viaxeiros, destinado tanto aos usuarios de medios de transporte terrestre público colectivo de viaxeiros como aos usuarios de medios marítimos.

Bono social
Sobre o bono social, recordouse que poden acceder ao mesmo os consumidores con potencia contratada na súa vivenda habitual menor a 3 kw (3.000 watios). Non hai que facer ningún trámite, xa que a inclusión destes consumidores no bono social é automática. Outros grupos de poboación que poden acceder ao bono social, neste caso acreditando a súa situación, son os pensionistas, as familias numerosas e as familias en situación de desemprego.

Este bono social é unha protección do dereito á subministración de electricidade. Implica a conxelación da tarifa de último recurso, isto é, mantense a tarifa eléctrica vixente á entrada en funcionamento da tarifa de último recurso, sen variar o prezo durante dous anos.

Tanto Andrés Fariña como Miguel López destacaron a oportunidade desta guía sobre o bono social, xa que as reclamacións sobre as tarifas eléctricas ocupan un lugar predominante no total de queixas. Así, en Santiago, das 1.340 consultas realizadas na OMIC, 120 tiñan que ver coas tarifas da electricidade. E das 446 reclamacións formuladas a través da Oficina, 66 tiñan que ver tamén coa electricidade, neste caso unicamente superadas polas 103 denuncias de telefonía móbil.

Para rematar, o concelleiro de Consumo quixo facer un chamamento aos cidadáns, convidándoos a que "reclamen os seus dereitos", porque isto é o que "fai que funcione a competencia". Xa cara este ano 2010, expresou o seu desexo de que o sector dos servizos de Compostela preste unha boa atención a todos os visitantes, co obxecto de que estes "marchen satisfeitos".

Documentos relacionados



Compartir: