CULTURA

Teo Manuel Abad presenta no festival Cineuropa o primeiro filme sobre o mundo do sexo en Galicia

23/11/2009 Cineuropa continúa amosando a súa condición de xanela aberta ao audiovisual galego e suma unha nova estrea. O martes 24, ás 20:15 horas no Teatro Principal, poderá verse Sexo. Entre o ceo e a terra, unha longametraxe documental de Teo Manuel Abad producida por Formateo e Productora Faro. Trátase do primeiro filme que se achega ao mundo do sexo en Galicia, e faino coa intención de detectar os seus trazos diferenciadores a través dun amplo abano de voces.

Abeirado no eido da televisión dende a década dos oitenta, Teo Manuel Abad bota man novamente dos mecanismos do documental televisivo para construír a súa nova longametraxe. O realizador xa estivera na pasada edición de Cineuropa presentando Flores tristes, un relato da represión que azoutou Galicia durante a Guerra Civil. Nesta ocasión, Abad repite no cartel do festival, mais mudando totalmente a temática para trazar, nas súas propias palabras, o "panorama do sexo en Galicia".

A estrea foi presentada esta mañá pola concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, en presenza do propio realizador e mais do director de Cineuropa, José Luis Losa. Ademais da estrea, o festival preparou un segundo pase para o mesmo día da súa finalización: o mércores 2 de decembro. Nesta data, o filme proxectarase ás 16:00 horas no Salón Teatro.

Segundo explicou Teo Manuel Abad, o punto de partida do proxecto foi a celebración do primeiro Festival Erótico de Vilagarcía hai case cinco anos. "Quixemos ver como sería o impacto nunha sociedade como a galega dun evento coma este, que era propio de grandes cidades, e logo tiramos do fío", manifestou Abad. Na súa opinión, este evento foi todo un punto de inflexión por tratarse da primeira vez que o sexo se facía visible no país, e ademais "con certo orgullo de si".

A produción do filme comezou entón en Vilagarcía, e de aquí iniciouse un proceso destinado a visitar todas as caras do poliedro. Sex shops, videoclubs, locais de intercambio de parellas, asociacións e un amplo abano de voces que, desde todos os ámbitos e posicións ideolóxicas, ceden a súa particular interpretación do mundo do erotismo e o sexo en Galicia.

Normalización do sexo
Teo Manuel Abad afirmou que a idea subxacente á hora de realizar cada unha das entrevistas era a de intentar determinar se o sexo en Galicia tiña algún elemento diferenciador. A conclusión da maioría dos entrevistados foi que o sexo, como fenómeno social e como mercado, está "un tanto atrasado en Galicia, pero só un pouco", dixo. "Ata hai moi pouco, o sexo era algo soterrado, pero moita da xente entrevistada considera que está a florecer agora, a súa normalización comezou". O papel de internet e as novas tecnoloxías tivo moito que ver neste gromo.

Con todo, este leve atraso non é unánime entre as opinións verquidas na película. Como recordou Abad, "un dos antropólogos entrevistados considera que Galicia foi historicamente moi adiantada en materia de sexo", aducindo para isto algúns exemplos como "o bo trato que sempre se lles deu aos fillos de solteiras ou dos cregos nas aldeas", ou o feito de que existisen revistas para mulleres durante a República. A Guerra Civil e posterior represión encargáronse de que este certo clima de tolerancia sexual se extinguise.

Compartir: