CULTURA

O Día do Peón xunta na Alameda unha morea de actividades lúdicas e artesanais

11/11/2009 Di o refrán que "polo San Martiño, peóns ao camiño". O acto central do Día do Peón, que se celebrou en toda Galicia por quinto ano consecutivo, desenvolveuse na Alameda de Compostela por iniciativa de Brinquedia -a Rede Galega de Xogo Tradicional-, a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, a Asociación do Xogo Tradicional compostelá e mais a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

No seu afán por recuperar e consolidar o xogo do peón entre as novas xeracións, a organización deste evento pensou nun bo repertorio de actividades para desenvolver ao longo deste 11 de novembro. A inauguración, na que participou a concelleira de Cultura, Socorro García Conde, completouse co manifesto pronunciado por Suso de Toro, titulado "Tira pola piola". A seguir, o público asistente entoou a canción designada como o himno da xornada: "Como o trompo", composta pola banda Ourensons.

Entre as actividades divulgativas do acto figuraron diversas proxeccións de vídeos educativos arredor do xogo; obradoiros de manualidades para que os nenos e nenas afondasen no coñecemento das buxainas e do seu manexo; e exposicións de traballos realizados polo alumnado de diversos centros escolares. Logo houbo premios para estes traballos e agasalláronse peóns durante toda a xornada.

De avós a netos
Brinquedia convidou tamén a malabaristas do peón, artesáns da madeira e mais a numerosas persoas que, de xeito voluntario, se achegaron á Alameda para transmitir os seus coñecementos ás persoas interesadas en aprender. O evento serviu para fomentar o encontro interxeneracional, que resulta esencial para a conservación dos xogos tradicionais. Os avós e avoas que se achegaron á Alameda serviron de mestres improvisados para os cativos e cativas que quixeron poñer a bailar as buxainas por primeira vez.

Compartir: