CULTURA

Cineuropa abre o ciclo dedicado ao novo cine galego coa retrospectiva de Ángel Santos

11/11/2009 A vixente edición de Cineuropa é a primeira en que se rende homenaxe ao novo cinema galego. Agrupadas baixo o ciclo , o festival mostra as retrospectivas de catro membros da xeración máis recente de cineastas de noso: Ángel Santos, Oliver Laxe, Claudia Brenlla e Xosé Manuel Bazarra, "Sepi".

A retrospectiva foi presentada pola concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde; o director de Cineuropa, José Luis Losa; e o propio Ángel Santos. Ao abrir o acto, a primeira apuntou que, dentro da programación deste ano en Cineuropa, hai "algúns fitos que me compracen especialmente e un deles é, sen dúbida, o ciclo dedicado ao cine feito por cineastas do país". A xuízo da concelleira, o ciclo Emerxentes é un espazo óptimo para contribuír a que as producións galegas poidan acceder a un novo público e, deste xeito, obter a maior difusión posible.

A cuestión do público tamén guiou a intervención de José Luis Losa, que quixo agradecer á audiencia de Cineuropa a súa excelente acollida. Malia non contar aínda con cifras, Losa afirmou que, logo desta primeira semana, a asistencia superou as expectativas a "as sensacións son moi positivas", a tempo que mostrou a súa satisfacción polo clima de "tensión cultural" que cada novembro se volve respirar na cidade arredor de Cineuropa.

Ao se referir ao ciclo que dá comezo, José Luis Losa apuntou que "cando pensamos en facer esta retrospectiva, seguimos dúas liñas mestras: o interese das obras e mais a compoñente xeracional que une os cineastas". Unha xeración que se caracteriza, xulgou Losa, por ser moito máis libre en termos creativos que as precedentes.

A obra de Ángel Santos, que Losa cualificou de "absolutamente libre", chega a Cineuropa con grandes credenciais no terreo da crítica. Encol deste asunto, o cineasta recoñeceu que "hai certo recoñecemento por parte da crítica, pero tamén é verdade que en certos festivais non houbo tan boa acollida, por iso ás veces non sei onde situarme". En calquera caso, Santos quixo manifestar a honra que lle producía acudir a Cineuropa "de novo como espectador, e por primeira vez como cineasta".

Un premio e unha estrea
Nacido en Marín en 1976, a liberdade creativa da obra de Ángel Santos maniféstase sobre todo no seu experimentalismo narrativo. Na sesión do mércores 11 proxectaranse catro curtametraxes: Sara y Juan, O cazador, Septiembre (Los amores jóvenes) e Anotacións para dous fragmentos (Eva).

O cazador, unha adaptación moi persoal do conto de Anton Chékhov, é sen dúbida a obra máis aclamada do cineasta de Marín, logo de obter o premio á mellor película no Filminho e de recibir o recoñecemento da crítica galega e española. Canto a Sara y Juan, trátase da súa produción máis recente: a proxección en Cineuropa será a súa estrea pública absoluta.

Como manifestou o propio director, Sara y Juan foi unha idea de tres amigos que, sen subvencións e sen apenas gastos, levaron un proxecto adiante "por pura vontade de expresión". Neste sentido, Santos reivindicou esa dose de "espírito amateur" do que el se apropia á hora de traballar, xa que é indicativo de "paixón por aquilo que se fai". O director adiantou que a montaxe de Sara y Juan para Cineuropa non é a definitiva, xa que coincidiu no tempo coa a fase final de produción da súa primeira longametraxe. Con todo, a versión que se verá no Principal aseméllase moito á definitiva.

A vindeira sesión especial do ciclo Emerxentes terá lugar o venres 13 de novembro. O Teatro Principal volverá ser o escenario que acollerá, nesta ocasión, a mostra retrospectiva doutro nome que leva bastante tempo dando que falar: Oliver Laxe. Ademais de tres das súas curtas, o cineasta presentará entón un avance da súa primeira longametraxe, con orixe no proxecto Dao Byed (Luz branca), unha experiencia educativa e fílmica que comparte cun grupo de nenos na cidade de Tánxer.

Compartir: