EDUCACIÓN

Un traballo sobre os xogos tradicionais gaña a sétima edición dos Premios Educacompostela

10/11/2009 O grupo de traballo composto por Xavier López García e Secundino García Mera, do CEIP Mosteiro de Caaveiro, do concello da Capela, fíxose co primeiro premio dos VII Premios Educacompostela. Este proxecto pedagóxico en torno aos xogos tradicionais logrou imporse nunha edición á que se presentaron 25 traballos.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu a cerimonia de entrega de premios, celebrada no Salón Nobre de Raxoi. Alí estiveron tanto os gañadores coma os segundos clasificados, do IES Leixa, de Ferrol; os terceiros, do compostelán Centro Xuvenil Don Bosco; e os autores do traballo merecente dunha mención especial, pertencentes ao IES Pino Manso, do Porriño.

O primeiro premio, que leva o título de Brinquedos, foi realizado por Xavier López García e Secundino García Mera, do CEIP Mosteiro de Caaveiro, situado no concello coruñés da Capela. O xurado recoñeceu "o teimudo traballo desenvolvido polos autores arredor dos xogos tradicionais como unha manifestación determinante do patrimonio cultural de Galicia. Todo o proxecto incide na importante función pedagóxica que o xogo en xeral e máis en concreto os xogos tradicionais teñen no desenvolvemento e adquisición de hábitos, actitudes e capacidades".

Na acta tamén sen indica que este proxecto, realizado nun pequeno concello da comarca do Eume, "conseguiu un clima de colaboración e convivencia no centro que actúa como o principal impulsor e dinamizador da vida da comunidade, expresándose a través de múltiples experiencias pedagóxicas como a promoción do libro e a lectura, o estudo e a conservación do medio ambiente, a recuperación dos xogos tradicionais ou a creación dunha colección etnográfica permanente que se traduce no Museo Etnográfico da Capela".

Necesidades básicas especiais e sensibilización medioambiental
O traballo clasificado en segundo lugar titúlase Glosario de artes gráficas en lingua de signos españois e os seus autores son Carlos José Correa Otero e Tareixa Martínez Barral, do IES Leixa, en Ferrol. A eles o xurado recoñeceulles a súa aposta por "unha interesante e innovadora ferramenta didáctica que sen dúbida axudará a producir un cambio na concepción e atención do alumnado con necesidades educativas especiais, neste caso no terreo das deficiencias auditivas. Este material, ideado para alumnado do Ciclo Medio de Preimpresión en Artes Gráficas, quérese destinar aos ciclos formativos e programas de cualificación profesional da familia de Artes Gráficas".

O terceiro premio recaeu no proxecto Unha cidade sustentable, feito polo Centro Xuvenil Don Bosco. Na valoración apúntase que este é "un recurso motivador para traballar a sensibilización medioambiental" e que favorece "a participación social da xuventude na súa comunidade, fomentando valores cívicos e democráticos nun contexto urbano". "A través de unidades didácticas e actividades de xogo, en función das idades dos participantes, desenvolven un proxecto educativo adaptado para poder utilizar en diferentes espazos e horarios tanto formais como non formais", engádese.

Finalmente, o xurado outorgou unha mención especial a Retos para unha época. Os ilustradores galegos 1880-1936, froito do traballo de Juan Aguilar Madrazo, M. Mercedes Bangueses Vázquez e José Ramón Iglesias Veiga, do IES Pino Manso, no Porriño. Deste proxecto apreciouse "a complexidade da investigación, que combina aspectos diversos como: a recollida de documentación de imaxes orixinais de libros ilustrados e a súa correspondente clasificación; aproximación á arte gráfica galega a través de revistas e editoriais; percorrido polas tendencias artísticas fundamentais da arte galega; valorización de bibliófilos e bibliotecas particulares en prol do aprecio e coidado dos libros e, a elaboración dunha exposición para a divulgación do traballo desenvolvido".

Os Premios Educacompostela son unha iniciativa da Concellería Educación e de Nova Escola Galega. Teñen por obxectivo recoñecer, promover, premiar e difundir aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e renovación pedagóxica. Xunto ao alcalde participaron no acto a concelleira de Educación, Mercedes Rosón e a presidenta de Nova Escola Galega, María Dolores Candedo.

Compartir: