ALCALDÍA

Felipe Ugalde recolleu o II Premio Compostela de Álbums Ilustrados pola súa obra "Un gran soño"

22/10/2009 O ilustrador mexicano Felipe Ugalde recolleu de mans do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, o II Premio Compostela de Álbums Ilustrados. A súa obra Un gran soño logrou impoñerse nunha edición á que se presentaron 280 traballos de 22 países. O gañador recibiu 12.000 euros e o libro xa está dispoñible nas cinco linguas peninsulares (castelán, galego, vasco, catalán e portugués), ademais de en italiano e inglés.

Felipe Ugalde declarouse "emocionado" e "un peregrino máis" na recepción do premio. Do seu álbum lembrou as súas orixes, nun taller impartido en México polo ilustrador Javier Sáez. Nun dos exercicios, os participantes tiveran que escribir as súas palabras favoritas. A primeira que Ugalde escribiu foi crocodilo, e de aí naceu a historia.

Por outra parte, o director xerente de Kalandraka Editora, Xosé Ballesteros, apuntou que, como o título do traballo gañador, este Premio Compostela era "un soño". Dixo que este álbum era "para os nenos e nenas do mundo" e, en alusión ao crocodilo da historia, lembrou que "as diferenzas de tamaño son simplemente unha cuestión de escalas".

Recordou tamén o xerme deste Premio, a Campaña de Animación á Lectura na que cada ano colaboran o Concello e Kalandraka, e a importancia desta e do Premio na defensa da lingua galega. Anunciou que Un gran soño, ao igual que a obra gañadora da primeira edición, Cerca, da arxentina María Natalia Colombo, serán tamén traducidas ao francés e ao portugués de Brasil. O álbum de Felipe Ugalde estará ademais moi presente en todas as grandes feiras internacionais.

Finalmente, o alcalde compostelán referiuse igualmente á Campaña de Animación á Lectura, xurdida cun dobre obxectivo: "lograr que a mocidade non perdese o hábito de ler e manter viva a lingua". Expresou a súa satisfacción pola repercusión destas dúas edicións do Premio e declarou o seu "orgullo" porque en ambos certames foran premiadas obras de autores de América latina.

A historia dun crocodilo
O xurado elixira en abril o traballo de Felipe Ugalde ao considerar a súa gran riqueza técnica, estética e literaria. Estimaron que Un gran soño era o álbum máis completo e equilibrado" dos presentados, en relación á complementariedade entre texto e imaxe, a principal calidade que define o álbum ilustrado". Cualificouno como un proxecto "sintético e rico en elementos, que desenvolve moi ben e gradúa de principio a fin o concepto do tempo".

Un gran soño é a historia dun crocodilo que vai medrando en tamaño e pretensións, destacando polo "valor metafórico" das imaxes, "que resumen as aspiracións do protagonista", cun "claro dominio" da técnica do acrílico. Un libro "que non ten idade", engade o comité, "que permite distintas lecturas" segundo os lectores sexan infantís ou adultos.

Felipe Ugalde Alcántara naceu en 1962 en México. Estudou Comunicación Gráfica na Escola Nacional de Artes Plásticas da UNAM, onde foi profesor de Ilustración. Ten recibido diversos galardóns, participou coa súa obra en exposicións e imparte obradoiros de plástica. Traballa como ilustrador de álbums infantís, libros de texto e material didáctico dende hai máis de 20 anos.

A nota musical do acto púxoa o compositor, intérprete e produtor musical Rodrigo Romaní. Coa súa arpa interpretou a peza "Torres no ar", do seu disco Cantos Caucanos e outra titulada "Albeida", do traballo do mesmo nome.

Recoñecemento para Tommaso Nava e Cecilia Alonso
O proxecto finalista deste II Premio Internacional Compostela fora a obra do ilustrador italiano Tommaso Nava, co lema Dialogando con un papel en blanco. Trátase dun traballo a lapis sobre o proceso creativo do autor considerado polo xurado como "moi poético, elaborado cunha linguaxe plástica moi contemporánea".

Tamén houbo unha mención especial para a ilustradora arxentina Cecilia Afonso, co lema Las llevadoras. O seu álbum é un "canto ao feminino", como o definiu o tribunal cualificador, que destacou o carácter "poético" e a "musicalidade" da obra, cunha linguaxe plástica "limpa e clara" e cunhas ilustracións "delicadas e cheas de valor simbólico".

Compartir: