ALCALDÍA

O Multiusos do Sar renova canastras e marcadores para a volta do Obradoiro á elite do baloncesto español

16/09/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou o Multiusos Fontes do Sar para ver o novo equipamento adquirido para a instalación. En concreto, puideron observar as renovadas canastras e os marcadores, homologados para cumprir os requisitos da ACB na volta do Obradoiro á elite do baloncesto español.

Sánchez Bugallo destacou as obras que veñen realizando dende hai anos neste complexo deportivo, convertido hoxe nunha referencia para a práctica do deporte en Santiago, tanto de elite como a nivel de calquera compostelán. Se anteriormente a instalación se adaptara ás esixencias competitivas de clubs como o Rosalía de Castro ou o Lobelle, agora tocou facelo para as do Xacobeo 2010 Blu:sens.

En total, para esta homologación requirida pola ACB realizouse un investimento de 195.135 euros. A maior parte do presuposto foi para a renovación das canastras (96.659 euros) e dos marcadores (68.560 euros). Tamén se realizaron cambios nos vestiarios e habilitouse unha nova oficina para o club Obradoiro.

O Multiusos de Sar estará preparado para recibir aos afeccionados que o 10 de outubro presenciarán o debut do Obradoiro na ACB fronte ao Barcelona. Así o apuntaron o presidente do club, José Ángel Docobo, e o seu director xeral, Miguel Juane, que agradeceron ao Concello o seu compromiso.

Na visita ás instalacións tamén participaron o concelleiro de Deportes, Bernardino Rama, e o xerente do Multiusos Fontes do Sar, Santiago Cuadrado.

Compartir: