CULTURA

O Festival dos Abrazos superou nas dúas primeiras semanas as expectativas de público para todo o mes

15/08/2009 Agosto consolídase en Compostela como o mes de abrazar a cultura. A segunda edición do Festival dos Abrazos que organiza a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais chegou ao seu ecuador cun éxito rotundo de público, que mesmo desbordou expectativas.

Coa súa ampla e variada programación, o certame superou xa as cifras de público do primeiro ano, no que congregou a máis de 60.000 persoas. Trátase, ademais, dun público fiel, conformado na súa maior parte por cidadáns e cidadás de Compostela que acoden diariamente ás actividades programadas polo Festival, aínda que os e as turistas aproveitan tamén o seu paso pola cidade para gozar as propostas artísticas que enchen as "estacións de paso", as prazas e rúas de maior tránsito.

A mostra avanza deste xeito no seu propósito de converterse nunha das grandes citas europeas, conxugando propostas artísticas de creadores galegos e internacionais, á vez que redescubre os espazos singulares da cidade. Nestas dúas semanas, nas que as rúas, prazas, parques e xardíns da cidade destilaron creatividade, puidemos comprobar o bo funcionamento das diferentes seccións do Festival e da súa organización semanal. Os asiduos saben que a creación en aberto esperta todos os días ás once da mañá cunha alborada, que os luns hai música experimental no parque de Bonaval, que os martes e xoves hai pista de circo en Praterías, que o mércores é a quenda da danza contemporánea ou que os venres rematan tarde, cunha sesión de Abrazos Dixitais na Zona "C".

Diálogos musicais
Os Abrazos Off, convocados por primeira vez nesta segunda edición para darlles cabida ás propostas máis arriscadas, descubriron para a cidadanía novas potencialidades artísticas, como a danza de Begoña Cuquejo, as intervencións sobre o patrimonio de António Gonçalves ou as performances de L.I.B.A. Colectivo, convertendo as rúas da cidade na mellor plataforma de lanzamento.

Estas propostas máis novidosas dialogaron estas dúas primeiras semanas do Festival dos Abrazos con outras tan recoñecidas como a da Real Filharmonía de Galicia, o fado portugués e as músicas tradicionais escandinavas de Stochkolm Lisboa Project, novas achegas musicais galegas como a de Emilio José ou a experimentación de Sigma Project, de Fon Román con Suso Saiz e de Reactable.

Redescubrir o patrimonio
Tamén o patrimonio compostelán está aberto a diálogos e novas interpretacións. Instrumentos e voces que forman parte do patrimonio colectivo dos seus pobos comezaron nestes quince días a anegar de novos significados os muros da igrexa da Nosa Señora do Camiño: o canto yoik dos lapóns con Skaidi e o guzheng, unha especie de cítara chinesa, con Meng Wang.

A segunda edición do Festival dos Abrazos serviu tamén para descubrir novos espazos íntimos da cidade, como a calexa de entre Algalias, que Traspediante encheu de danza co seu Habelas, ou a ruela de Xerusalén que a Fundación Araguaney converteu nunha fiestra a través da cal os cidadáns e as cidadás de Compostela poden coñecer a realidade do pobo palestino. Quedan aínda espazos por descubrir, como o parque Zeca Afonso, no que João Afonso homenaxeará ao seu tío o mércores 26.

O que está por vir
A segunda quincena de agosto continuará o frenesí cultural na nosa cidade coa segunda parte dunha programación chea platos fortes. Sen ir máis lonxe, o luns 17, concerto exclusivo do Bill Goodwin Quartet ás dez da noite no parque de Bonaval. O veterano baterista cruza o Atlántico, acompañado do saxofonista Adam Niewood, para abordar un encontro de jazz irrepetible. Nova York e Compostela fúndense a través da música, e na parte galega desa unión relocen dous nomes sólidos do país: Abe Rábade e Paco Charlín.

Deseguido, o martes 18, chega un dos momentos máis esperados: a Orquestra Sinfónica de San Petersburgo, considerada como unha das mellores do mundo, ofrece un concerto na praza da Quintana. O seu compañeiro de viaxe, o Coro da Capella de San Petersburgo, unha institución con máis de cinco séculos de historia, recala ao día seguinte na igrexa de Bonaval.

Completarán os momentos destacados do resto do mes o abrazo cultural de Oreka Tx e Aziza Brahim, as tradicións musicais de Oriente Medio espalladas por Barbod Ensemble, a vitalidade de Fafare Ciocarlia, o ritmo de Neopercusión, o humor dos Malabreikers, a danza de Erre que Erre, o desafío flamenco andalusí da Orquestra Chekara de Tetuán y Jóvenes Flamencos e o cabaré do Teatro de Marionetas do Porto. Ademais, a nova edición do Curtocircuíto achegará unha boa colleita de curtametraxes galegas, españolas e internacionais.

Compartir: