MEDIO AMBIENTE

A Concellaría de Medio Ambiente e Adega traen a Compostela unha exposición sobre o lobo

16/02/2009 A concelleira dE Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel, Elvira Cienfuegos, inaugurará o martes 17, ás 19:30 horas, no Centro Sociocultural José Saramago de Vite, a exposición "O lobo, unha carreira pola supervivencia". Esta mostra chega a Compostela da man da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, (Adega); o grupo ecoloxista ERVA e a Asociación de Amizade das Artes Galego-Portuguesa (AAAGP), e pretende ser un alegato pola conservación do lobo ibérico e os seus hábitats.

Esta mostra contén paneis divulgativos sobre a situación do lobo en Galicia; fotografías sobre a especie e o seu medio; elementos relacionados coa bioloxía do lobo e elementos que evidencian a presenza do lobo na cultura. Conta tamén cunha mostra bibliográfica e un documental sobre o lobo rodado en liberdade. Ademais de poder visitala a título individual, tamén existe a posibilidade de facer visitas guiadas e, ademais, celebraranse actividades complementarias.

A exposición, que estará aberta ata o 17 de marzo, ten a virtude de reunir obras de creadores literarios e plásticos solidarios coa defensa do lobo e o seu ecosistema. En concreto, foron 29 os escritores galegos que aportaron as súas obras inéditas e, no que se refire á obra plástica, atopamos pintura, fotografía e escultura de autores galegos e portugueses con temas relacionados co lobo.

Compartir: