CONSORCIO

Sar, Sarela e os monstros de Compostela

20/11/2008 O Consorcio de Santiago pon en marcha unha nova serie dentro da súa colección infantil en colaboración coa editorial Kalandraka. Unha oportunidade para descubrir o centro histórico de Santiago aos lectores máis cativos.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou esta publicación nun acto no que participaron alumnos dos CEIP Raiña Fabiola e Colexiata de Sar. Tamén estiveron o autor, Paco López Barxas, e o ilustrador, Kiko da Silva, que lle explicaron aos rapaces o proceso creativo da elaboración dun libro. Ademais, os escolares participaron nun taller impartido polo ilustrador.

"Había unha vez un país chamado Galicia, que tiña unha pequena cidade como de xoguete. Esta cidade chamábase Compostela. Todos os anos, polo mes de xullo, o Parque da Alameda enchíase de carruseis durante a semana das festas grandes do patrón, o Apóstolo Santiago". Así comeza o álbum ilustrado para nenos Sar, Sarela e os monstros de Compostela, de Paco López-Barxas e Kiko da Silva.

Sar e Sarela son dous gatos que lles deben os seus nomes aos ríos que cruzan Compostela. A súa aventura transcorre polo centro histórico, onde descobren uns seres de pedra de aspecto terrible, as gárgolas, que os sorprenden nos tellados dos edificios de máis raigame. As ilustracións, cheas de colorido, ofrecen unha peculiar visión da paisaxe e dos tópicos de Santiago, onde a choiva fai resaltar a imaxe dunha Compostela veneciana.

Este inusual percorrido literario levará aos lectores máis pequenos por lugares emblemáticos como a praza da Quintana, San Paio de Antealtares, a Igrexa de San Martiño Pinario ou o Hostal dos Reis Católicos, invitando aos lectores a fixarse neses peculiares elementos arquitectónicos cos que antano se canalizaba a auga da choiva. Os autores deste álbum danlle vida ás gárgolas para que saian do esquecemento e ocupen un lugar preferente na imaxe da cidade e no imaxinario dos máis cativos.

Sar, Sarela e os monstros de Compostela é a primeira entrega dunha colección de estética moi coidada que terá continuación cos mesmos protagonistas desta historia e que pon en valor os principios da filosofía didáctica que comparten Kalandraka e o Consorcio dentro do seu departamento de publicacións.

Compartir: