CULTURA

Cineuropa estrea o documental "Manuel e Elisa (O Trinta)", de Manuel Fernández-Valdés

12/11/2008 Presentouse ante os medios de comunicación o documental Manuel e Elisa, ópera prima do cineasta pontevedrés Manuel Fernández-Valdés. A peza estrearase oficialmente no festival Cineuropa 2008, que organiza a Concellaría de Cultura.

A XXII edición do festival Cineuropa está a ofrecer a oportunidade a cineastas galegos novos de mostrar os seus traballos ao público compostelán. Ademais da sección Panorama Galiza, varias longametraxes van vivir a súa estrea oficial en Cineuropa 2008, nun escenario privilexiado como é o Teatro Principal. Este é o caso de Manuel e Elisa, ópera prima de Manuel Fernández-Valdés que se vai proxectar por vez primeira en Cineuropa o xoves 13 de novembro ás 20:00 horas.

Na rolda de prensa de presentación estivo presente o propio autor do filme, que agradeceu a oportunidade que lle brindou o Festival para a estrea de Manuel e Elisa. Manuel Fernández-Valdés sinalou que a orixe do filme atópase no seu traballo como fotógrafo de prensa, no que comezou a percorrer o rural galego e coñeceu a Manuel, telleiro do concello pontevedrés de O Rosal, "unha persoa cun carácter e un sentido do humor moi especial", indica o director.

Deste encontro xurdiulle a Fernández-Valdés a idea de realizar un documental que representase o rural galego a través do personaxe de Manuel. Axiña se produciu un segundo encontro de relevancia, coa persoa de Elisa, muller de Manuel, e botou a andar o proxecto.

Un filme sobre o cotiá no rural galego
Segundo afirmou o autor do filme, o proceso de gravación foi moi libre, pois "a miña única vontade era filmar o cotiá de Manuel e Elisa, sen ningunha intervención nin a pretensión de filmar escenas extraordinarias". Para filmar unha realidade tan íntima o dispositivo cinematográfico reduciuse ao mínimo: unha pequena videocámara e un aparello para a toma de son.

Paulo Rodríguez, director-xerente do Auditorio de Galicia, lembrou o compromiso da Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais cos creadores galegos. Manuel e Elisa pasarase por vez primeira o xoves 13, ás 20:00 horas, no Teatro Principal. O filme proxectarase novamente en Cineuropa o venres 14, na Aula Sociocultural Caixa Galicia, e o domingo 23 na sede da Fundación Caixa Galicia.

Compartir: