DEPORTES

O X Torneo Internacional de Galicia de Loita Olímpica reúne en Santiago a algúns dos mellores deportistas da especialidade

23/10/2008 O Pavillón Municipal do Restollal acollerá, a mañá do sábado 25 de outubro, o X Torneo Internacional de Galicia de Loita Olímpica. Este é o Torneo Internacional máis antigo dos que se celebran en España e unha boa oportunidade para ver en acción a algúns dos mellores deportistas do mundo nesta especialidade.

O concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, e o director técnico da Federación Galega de Loita, Nicolás Castro, presentaron este torneo, no que haberá deportistas, de Acerbaián, unha das primeiras potencias deportivas no mundo e que participou nos Xogos Olímpicos en todos os pesos. Tamén estará Inglaterra e a Selección Galega, formada por vinte deportistas. Inicialmente estaba prevista a presenza de Rusia e Daghestán, ademais dun equipo siberiano, pero foi imposible polos problemas nos visados xurdidos a raíz do conflito bélico en Osetia do Sur.

O Torneo Internacional de Galicia celebrarase na modalidade de Loita Libre Olímpica e conta coas sete categorías de peso do programa da Federación Internacional de Loitas Asociadas (FILA). Participarán máis de medio centenar de deportistas.

A Selección Galega estará formada polos mellores deportistas da Comunidade, moitos deles campións de España nas súas categorías e pesos e integrantes do equipo español que vén participando nas competicións internacionais.

Esta competición está integrada dentro do programa de formación da Federación Galega de Loita, xa que nel vai a concluír o Curso de Formación e Reciclaxe de Arbitraxe de Loitas Olímpicas. Para o mesmo cóntase coa presenza de Ajdar Jafarov, árbitro acerí premiado no 2008 pola FILA por ser o xuíz máis novo en acadar a categoría de Árbitro Excepcional, o que o levou a ser recoñecido como mellor árbitro do ano.

A de 2008 é a cuarta edición do torneo que se leva a cabo en Santiago. Ao longo de todos estes anos pasaron pola competición algúns dos mellores loitadores do mundo e xoves promesas que máis tarde se destaparían campións continentais, mundiais e ata olímpicos. Algúns destes exemplos personificados son Katchimurav Magomedov, Batirov, Gogzelitze ou lendas viventes como Alexander Medved, primeiro loitador en conseguir tres ouros noutros tantos Xogos Olímpicos.

Compartir: