ALCALDÍA

O novo Centro de Saúde de Galeras dará asistencia a 10.000 habitantes

26/09/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo e a conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, presidiron a constitución da Comisión Técnica de Seguimento Servizo Galego de Saúde - Concello de Santiago de Compostela. Nesta xuntanza, presentouse o proxecto arquitectónico do Centro de Saúde de Galeras e o funcional do futuro centro de Conxo.

A posta en servizo destes centro de saúde de Galeras e do de Conxo, que atenderán a 10.000 e 20.000 habitantes, respectivamente, permitirá aliviar o número de usuarios e usuarias do Ambulatorio Concepción Arenal, un dos que máis poboación atenden de toda Galicia. Así, estes dous complexos marcarán a evolución da atención primaria na cidade de Santiago.

O futuro centro de saúde de Galeras contará con sete consultas de Medicina Xeral e dúas de Pediatría, oito consultas de enfermaría, un auxiliar de enfermería e tres profesionais de servizos xerais. Ademais, o centro contará con matrona e traballador social, e disporá de servizos de apoio de fisioterapia e odontoloxía.

Ademais, terá salas de cirurxía menor, polivalente, área de admisión, arquivo, almacén sala de xuntas e biblioteca. A súa dotación permitirá desenvolver novas actividades propias de Atención Primaria, como son a descentralización do Sintrom, a realización de programas da muller e de espirometrías.

Segundo indicou Sánchez Bugallo, o Concello intentará resolver a licenza para este centro no mes de outubro, dependendo de se é preceptivo ou non o informe da Dirección Xeral de Patrimonio. En calquera caso, apuntou que o obxectivo é que o complexo estea rematado no primeiro semestre de 2010.

Pola súa parte, María José Rubio recordou que este centro ten un custo de catro millóns de euros. Tamén ofreceu datos sobre a dimensión do mesmo, con dúas plantas de 1.300 e 1.800 metros cadrados, e un soto de 1.632.

Xerencia de Atención Primaria
No mesmo edificio, cuxo proxecto arquitectónico se presentou en Raxoi, tamén se instalará a sede da Xerencia de Atención Primaria de Santiago de Compostela, na que traballa aproximadamente 50 persoas nas áreas de Informática, Recursos Humanos, Xestión Económica e Dirección. Nesta mesma zona haberá unha unidade docente coa correspondente sala de formación pre e posgrao.

A posta en funcionamento deste centro responde tamén a unha demanda histórica do Concello de Santiago, que non dispoñía ata o de agora, dun centro de saúde próximo ao casco histórico.

Centro en Conxo en substitución do actual
Pola súa parte o plan funcional do centro de saúde de Conxo prevé 10 consultas de Medicina de Familia, nove de Enfermaría, dúas de Pediatría, coa súa correspondente consulta de enfermaría pediátrica, e unha de matrona; así como salas de educación maternal, traballo social, toma de mostras cirurxía menor e polivalentes.

Este centro atenderá a unha poboación estimada de 20.000 habitantes ao asumir os 4.422 do actual centro de saúde, aos novos residentes nesta zona de expansión de Santiago de Compostela, e tamén a parte da poboación actualmente asignada ao Concepción Arenal. No caso deste centro, o Concello está pendente de que a Consellaría elixa a parcela entre as ofrecidas. Tamén se pretende que o centro sanitario estea listo en 2010.

Atención Primaria
Na xuntanza, o alcalde e a conselleira repasaron as melloras postas en marcha nos últimos anos na Atención Primaria da cidade. Unha das máis salientables foi a inauguración, en 2006, do Punto de Atención Continuada de Santiago, que non só atende á poboación da capital de Galicia senón tamén aos de nove concellos limítrofes.

Nos tres últimos anos, o Servizo Galego de Saúde investiu nos catro centros de saúde da cidade (Concepción Arenal, Fontiñas, Vite e Conxo) máis de 600.000 euros en obras de acondicionamento e mellora. O cadro de persoal aumentou coa incorporación de oito profesionais de Medicina de Familia, sete de enfermería, un fisioterapeuta e un hixienista dental.

En total 207 persoas traballan a día de hoxe nos catro centros de saúde composteláns para atender a 106.290 usuarios e usuarias e 3.798 persoas desprazadas. Nos vindeiros anos esta previsto incorporar a outros 53 profesionais, entre eles 17 médicos.

Melloras no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago
Durante esta xuntanza, os representantes do Concello e do Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Sanidade tamén puxeron sobre a mesa as melloras levadas a cabo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. Anunciouse, tamén a futura creación dunha Unidade de Fertilización in Vitro e a próxima adquisición da terceira sala de hemodinámica.

Así, no período 2006-2008 o Servizo Galego de Saúde investiu en obras de reforma, ampliación ou mellora nos centros hospitalarios composteláns un total 16.548.789 euros, das que destacan a reparación da fachada e as melloras no bloque cirúrxico do Hospital Provincial de Conxo, cun orzamento de 5.710.000 e 4.298.185 euros, respectivamente. Coa finalización desta última reforma xa están abertos os seis quirófanos do Hospital que foran pechados en xullo de 2007.

No devandito período tamén se adxudicaron as obras nos laboratorios de investigación e as torres de refrixeración do Hospital Clínico, se iniciaron reformas nas instalacións de hospitalización no Hospital Psiquiátrico e se levaron a cabo melloras nas Unidades de Psiquiatría e Preoperatorio do Hospital Gil Casares.

Mellora da eficiencia
A Comisión constituída, ademais dos investimentos, tamén coñecerá os cambios que na xestión da Sanidade pública se están a producir. Entre os seus obxectivos figura a mellora da eficiencia na xestión de proxectos nos que é precisa a colaboración da Administración local; así como mellorar a lexitimidade destes proxectos a través dunha canle de diálogo construtivo e permanente.

A delegación municipal nesta xuntanza estivo encabezada polo alcalde e integrada tamén estivo pola concelleira de Benestar Social, Mar Martín; pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón; polo concelleiro de Sanidade, Xosé Baqueiro; pola directora da Área de Urbanismo e Infraestruturas, Berta Rosón; pola xefa de Servizo da Área de Acción Social, Teresa Furelos; e polo técnico de Sanidade, Pablo Martín Quinteiro.

Por parte da Sanidade pública galega, xunto á conselleira acudiron o secretario xeral do Servizo Galego de Saúde, Cayetano Rodríguez; o director xeral de Recursos Económicos deste departamento, Francisco Pais; a delegada da Consellería na Coruña, María Ausencia Tomé; a directora provincial do Servizo Galego de Saúde, Pilar Mata; a xerente de Atención Primaria de Santiago, Ana Castaño; e o xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Jesús Caramés.

Compartir: