EDUCACIÓN

Arrinca o curso na Escola Municipal de Música cunha oferta aberta a todas as inquedanzas musicais

22/09/2008 A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, presentou o inicio do curso e o programa de actividades da Escola Municipal de Música. O acto inaugural celebrarase o 14 de outubro, ás 19:00 horas, no salón de audicións da Escola.

Guadalupe Rodríguez destacou o carácter "aberto" da Escola, para todas as idades e diferentes intereses e aptitudes. O obxectivo para este novo curso é superar os 250 inscritos do anterior. Para iso ofrécense diferentes niveis de ensino: música e movemento (de 4 a 7 anos), plan xeral de Estudos (de 8 a 15 anos), plan de estudos para adultos (a partir de 16 anos) e plan de acceso ao Conservatorio.

A Escola ofrece tres bloques de materias. Así, impártense formación en 15 especialidades de práctica instrumental: violín, viola, violonchelo, contrabaixo, trompeta, frauta, clarinete, saxofón, acordeón, gaita, percusión, piano, guitarra, guitarra eléctrica e guitarra baixo. En canto á formación complementaria, a oferta inclúe linguaxe musical, audición, iniciación á harmonía, composición e arranxos. Finalmente, prevense actividades de conxunto. Movemento, conxunto vocal e instrumental, coro e orquestra.

Esta ampla oferta compón un proxecto educativo de gran contido didáctico, no que os alumnos traballan dende a expresión instrumental á corporal, pasando por aspectos como a improvisación, a dramatización ou a danza. E todo isto completado con actuacións que permiten aos alumnos amosar as súas destrezas.

En canto ás novidades para este curso 2008-2009, cómpre subliñar a incorporación de dous prestixiosos novos profesores, Ramón Bermejo e Antonio Ocampo, e a visita prevista tamén de coñecidos músicos como Carlos Calviño ou José Manuel Fernández, entre outros. Ademais, o profesor Pablo Pascual e a profesora Montserrat López Merino están compoñendo unha zarzuela en galego, específica e á medida da Escola de Música de Santiago. A súa estrea será no concerto de fin de curso.

Calendario para o outono
Para os últimos meses de 2008 están previstas varias actividades, que arrincarán o 14 de outubro coa inauguración oficial do curso. Xa en novembro, do 24 ao 28, celebrarase a Semana de audicións de alumnos, na que estes amosará o traballo do primeiro trimestre. Os concertos terán lugar no salón de audicións da Escola todos os días a partir das 19:00 horas.

En decembro, ademais da entrega de informes sobre o traballo do primeiro trimestre, terá lugar unha das actuacións principais, a do concerto de Nadal, dedicado nesta ocasión ao cine. Será no Teatro Principal o 18 de decembro.

Compartir: