URBANISMO

Sánchez Bugallo: "O modelo de cidade proposto polo Concello é aceptado e non cuestionado pola Comunidade Autónoma"

06/10/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, analizou en rolda de prensa o contido da orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) asinada o xoves 4 pola Consellería de Política Territorial. Destacou a súa "satisfacción porque se teña aprobado definitivamente, o que quere dicir que o modelo de cidade proposto polo Concello é aceptado e non cuestionado pola Comunidade Autónoma".

Sánchez Bugallo recordou que, a partir dese visto bo aos elementos esenciais do Plan, "a Comunidade Autónoma formula unha serie de observacións que deixan en suspenso algunhas actuacións, requirindo documentación complementaria". Neste sentido, insistiu en que "non desaproba nada, nada se cae definitivamente". En calquera caso, recalcou, "a parte aprobada definitivamente supón aproximadamente o 80% do Plan e non se alteran as grandes cifras do mesmo".

En relación aos aspectos que quedan en suspenso, o alcalde indicou que se refiren a tres temas fundamentais, un dos cales é o dos solos urbanos delimitados e non delimitado. Respecto aos primeiros, resaltou que o desacordo afecta unicamente a dous dos 42 solos previstos (5%), ou o que é o mesmo, a 58 hectáreas das 320 (18%) e a 1.850 vivendas das 13.963 (13%).

Sobre os solos urbanizables non delimitados, Sánchez Bugallo apuntou que Política Territorial aplica un criterio restritivo sobre a creación deste tipo de polígonos, "que para eles deben ser excepcionais, malia que non se trata de algo que estableza a Lei do Solo". "O seu temor –indicou- é que proliferen urbanizacións exteriores e as cidades medren de fóra cara dentro". No caso de Santiago, a Xunta cuestiona 17 dos 45 polígonos previstos, o que supón 360 hectáreas das 958 e 3.192 vivendas sobre total das 6.302 contempladas.

Neste caso, ten unha incidencia especial o solo de Bando, con 88 hectáreas. O problema xorde de que, a xuízo de Política Territorial, non está suficientemente xustificado "o non carácter agrario, gandeiro ou forestal" desta superficie, afirmou. Para Sánchez Bugallo, é "evidente" que non ten ese uso e así se documentará. En canto aos solos terciarios, unicamente se cuestionan os números 25, 28 e 29, que afectan ao ámbito do parque tecnolóxico de San Marcos e que supoñen 143,5 hectáreas.

Integración urbana de zonas inicialmente rurais
Outro dos problemas xorde nunha serie de zonas nos bordos da cidade, "inicialmente rurais pero que a cidade foi absorbendo ata incorporalos á mesma". Recordou o rexedor compostelán que este é un tema "delicado", resolto nalgúns plans "tirando todo e edificando de novo".

A aposta de Santiago, dixo, é "un proceso de zurcido urbano, compensando os espazos intermedios con casas, cubrindo traseiras e ocos para darlle aparencia urbana". Recalcou que "non ten nada de especulativo e unicamente e afecta a un número reducido de vivendas".

Núcleos rurais
O terceiro tema destacado é o dos núcleos rurais. Dos 109 núcleos, 72 quedaron aprobados definitivamente, mentres que 37 presentan algún tipo de problema "de diferente escala", xa que unicamente un, na Cañoteira (Marrozos) foi cuestionado globalmente. Segundo apuntou o alcalde, nos outros 36 "son temas de lindes e dos cómputos de metros dende as casas". Neste sentido, recalcou que existiron diferentes apreciacións á hora de contabilizar os 50 metros de marxe fixados para os núcleos rurais e os 200 das zonas de extensión de núcleo, nos que se toma como referencia as casas "tradicionais", construídas antes de 1964.

Sobre esta cuestión, indicou Sánchez Bugallo, "documentaremos tecnicamente a nosa proposta e defenderemos na medida do posible o aprobado no Pleno do 31 de xullo". Non obstante, recordou que "ao final a delimitación dos núcleos fixaraa a Xunta".

Axustes e prazos
Respecto ao resto de cuestións formuladas na orde de aprobación do PXOM, o alcalde apunto que se trata de "cuestións de mero encaixe, como a definición de radios en relación aos vieiros". Puxo como exemplo a avenida de Asturias, no que a Consellería estimou que se debería gardar a zona de protección prevista para as autovías, cando en realidade isto é un vieiro de titularidade municipal, non autovía. Precisamente sobre un polígono deste ámbito, o da Pulleira, onde se prevé construír 2.181 vivendas, neste mes tramitarase o seu Plan Parcial.

En canto aos prazos, o xoves 11 haberá unha primeira reunión entre técnicos do Concello e da Consellería de Política Territorial para clarificar algúns aspectos da orde de aprobación do PXOM. O alcalde estimou en tres meses o tempo que necesitará o Concello para remitir toda a documentación solicitada pola Xunta, e noutros tres meses o prazo no que esta se pronunciará unha vez recibida a devandita documentación.

Compartir: