CAPITAL CULTURAL

Curtocircuíto bota a andar unha edición para afondar nos territorios menos explorados do cinema

01/10/2024 O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto arrancou a súa vixésimo primeira edición este martes no Teatro Principal cunha sesión inaugural que contou coas intervencións da alcaldesa Goretti Sanmartín, da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e do director do festival Pela del Álamo, e coa presenza de representantes da corporación municipal e de diversas entidades que colaboran co certame.

O programa da sesión inaugural incluíu a proxección do filme Vinte mil leguas de viaxe submarina, realizado por Stuart Paton en 1916 e musicado en directo para a ocasión pola formación efémera Submarina de Improvisación, con Xavier Bértolo aos teclados e sintetizadores, Paulo Pascual ao theremín e Saúl Puga ao contrabaixo. Para a alcaldesa Goretti Sanmartín a escolla deste filme "é o perfecto exemplo da aposta de Curtocircuíto por unha programación expandida; que traspasa as fronteiras conceptuais, disciplinares e xeográficas máis transitadas do cinema para abrir, como o fixeron no seu día a película e a obra homónima de Verne, a nosa imaxinación e a posibilidade de camiñar cara a novos horizontes creativos".

Até o 6 de outubro de 2024, a cidadanía compostelá e as/os amantes da cultura poderán gozar dun programa comprometido co seu tempo e cunha ampla representación internacional onde conviven o cinema con destacados espectáculos audiovisuais e sesións especiais con proxeccións e encontros entre destacadas profesionais e artistas, mostrando de novo a vontade da organización por ofrecer un programa que transcende a experiencia tradicional de visionado de filmes nunha sala de proxección.

Máis de corenta obras procedentes de dezaseis países e preto dun 66% de filmes asinados por cineastas mulleres, conforman unha edición que ten por temática as profundidades oceánicas e que agroma co albo de traer á superficie o talento emerxente e as novas linguaxes audiovisuais.

A dicir do director de Curtocircuíto, Pela del Álamo, "o festival atópase ante unha etapa moi emocionante. Con esta edición ábrese un período de estabilidade para o que temos moitas ideas, sempre coa teima de ser un espazo de intercambio entre o talento galego e o talento internacional, un punto de encontro para diferentes disciplinas e formatos".

Curtocircuíto - Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela é un certame organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura) co apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, da AGADIC e do ICAA. Os abonos e as entradas tanto para o resto de proxeccións como para os espectáculos en vivo desta 21ª edición poden adquirirse a través da web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19h) e no do Teatro Principal durante os días en que se desenvolve o certame.

Direccións relacionadas



Compartir: