CAPITAL CULTURAL

A Banda Municipal de Música arranca unha nova tempada baixo o título ‘Paseos’ da man do director Casiano Mouriño

02/10/2024 'Paseos' é o título da nova tempada de concertos da Banda de Música Municipal de Santiago que arrancará este domingo, 6 de outubro, e se estenderá ata o próximo mes de decembro no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia. Este primeiro ciclo de 13 concertos comenzará este domingo ás 12 horas coa proposta "De Fonseca ao Burgo das Nacións", unha colaboración da BMSC con ExperimentaDanza.

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, acompañada polo director da BMSC, Casiano Mouriño, presentaron esta mañá a programación do primeiro ciclo da nova tempada 2024-2025 da Banda Municipal de Santiago, que baixo o título 'Paseos' ofrecerá un total de trece concertos ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro.

A concelleira de Capital Cultural convidou ao público a participar neste "paseo imaxinario co que cada semana percorreremos rúas, prazas e espazos emblemáticos da nosa Compostela, a través da música, sempre tan presente na historia da nosa cidade". Do programa, Míriam Louzao quixo destacar as colaboracións da Banda con outras entidades como foi a caso da súa participación no concerto do proxecto Sensoxenoma 2024 e a volta esta tempada dos concertos nas residencias de maiores "unha iniciativa moi celebrada" e unha "forma de construír unha Compostela mellor, boa de vivir".

Este primeiro ciclo inaugurarase o vindeiro domingo 6 de outubro ás 12 horas no Auditorio de Galicia coa proposta "De Fonseca ao Burgo das Nacións", en colaboración con ExperimentaDanza, baixo a dirección de Carlota Pérez. Continuará ao longo do mes de outubro, cos paseos "Da Porta do Camiño ao Arco de Palacio", o domingo 13. A Banda ofrecerá unha serie de concertos baixo o título "Un paseo cos nosos maiores", que levará a música o mércores 16 á residencia Volta do Castro; o xoves 17; á residencia do Castiñeiriño; e o venres 18 á residencia José Otero-Carmela Martínez. O domingo 27 de outubro no Teatro Principal continuará o paseo "De Porta Faxeira á Quintana" coa participación da bailaora Tania Suarez Rey e a cantaora Sandra Calderón

No mes de novembro, cos Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, a Banda ofrecerá o domingo 10 no Auditorio de Galicia "Do paseo da Alameda a Cervantes" coa soprano: Esperanza Mara e o tenor: Eduardo Sandoval, e continuará con varias colaboracións: "Da Praza do Toural ás Praterías" coa Academia Galega do Audiovisual, o domingo 17, coicidindo con CINEUROPA; e os dous concertos didácticos "PEDRO E O LOBO" dedicados á cativada, realizados con Fantoches BAJ, o xoves 28 e o venres 29 no Auditorio de Galicia.

O mes de decembro traerá tres propostas da BMSC: "Do paseo da Ferradura ao Obradoiro", o domingo 1, con Fantoches BAJ; "Da Porta de Mazarelos a San Francisco", o domingo 15, co director convidado Marcel van Bree; e "De Bonaval ao Parque de Galeras", o domingo 21, no marco da Festa do Apego en colaboración con Pista Catro.

Compartir: