XUNTA DE GOBERNO

O Concello abre o día 16 de xullo o prazo de inscrición no servizo de comedor e madrugadores para o curso 2024-2025

15/07/2024 A Xunta de Goberno Local acordou aprobar esta mañá os prazos e procedementos de admisión nos servizos de comedor e de madrugadores na rede de centros públicos de educación infantil e primaria do Concello de Santiago, para o curso 2024-2025. Divídese en dúas modalidades: as novas incorporacións, que teñen de prazo do día 16 de xullo ata o día 31 de agosto (ambos incluídos) para formalizar a inscrición; e as familias que durante o curso pasado fixeron uso do servizo, que teñen que reactivalo na aplicación. Tamén se deu luz verde ás contratacións dunha campaña de comunicación e sensibilización acerca de boas prácticas e conductas respectuosas para un turismo sostible cun orzamento base de licitación de 98.446,53 euros e das obras de ampliación da rede de abastecemento na estrada AC-250 no lugar de Frades, na parroquia de Enfesta. A voceira do Goberno municipal, Míriam Louzao, deu conta de todos os asuntos nunha rolda de prensa.

A partir de mañá, 16 de xullo, ábrese o prazo de solicitude de inscrición nos Servizos de Comedor e/ou de Madrugadores no curso 2024-2025, tanto para a renovación de praza como para as novas persoas usuarias. O prazo remata o 31 de agosto de 2023.

Os novos/as usuarios/as deberán entregar cuberto o correspondente impreso de solicitude de inscrición MODELO ED001 EDUCACIÓN (dispoñible na sede electrónica do Concello) e rexistrarse posteriormente, cando estea dispoñible a APP Cole Chef. No momento da presentación das solicitudes nos prazos establecidos, non será necesario achegar ningunha documentación. O Departamento de Educación poderá requirir ás familias a presentación daqueles documentos que sexan necesarios para verificar o cumprimento dos criterios de admisión.

Os/as usuarios/as que fixeran uso dos servizos no curso 2023-2024 e xa están rexistrados na APP ColeChef, só terán que reactivar os servizos, na APP ColeChef para o curso 2024-2025.

As demandas do servizo fóra dos prazos establecidos durante o curso 2024-2025 poderán ser admitidas sempre e cando existan prazas vacantes no momento de presentar a solicitude. En todo caso, terán preferencia, as solicitudes recibidas nos prazos establecidos.

As solicitudes presentaranse ben por medios electrónicos ou de xeito presencial, no Rexistro xeral do Concello de Santiago (Rúa Presidente Salvador Allende 4, Galeras) ou en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

Contratacións

O executivo municipal tamén deu luz verde ao expediente de contratación do servizo de planificación, xestión e dinamización dunha campaña de comunicación e sensibilización acerca de boas prácticas e conductas respectuosas para un turismo sostible na cidade de Santiago, cun orzamento base de licitación de 98.446,53 € (base impoñible de 81.360,77 € e IVE do 21% de 17.085,76 €). Segundo explicou Míriam Louzao, trátase dunha acción recollida no Plan de Turismo Sustentable da que constitúe a "segunda parte da campaña ‘Fráxil’", lanzada o ano pasado, e que se levará a cabo con "persoal auxiliar a pé de rúa que estará explicando esta campaña e o que inclúe o decálogo de boas prácticas". Esta acción, que estará acompañada por "unha campaña de comunicación potente en redes sociais", desenvolverase durante "45 días seguidos" ao longo dos meses de agosto e setembro e contará cun total de 10 persoas a pé de rúa. A concelleira detallou que se trata dunha acción que "nos gustaría que fose todo o ano, pero non podemos ser máis ambiciosos por unha cuestión económica", aínda que "sería unha das cuestións que se poderían financiar co recollido nese imposto de estadías na cidade".

Tamén se aprobou o expediente de contratación das obras de execución do proxecto de ampliación da rede de abastecemento na estrada AC-250 no lugar de Frades, na parroquia de Enfesta, encadrado no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (plan único de concellos) POS+ Adicional 2/2023 2ª fase, cun orzamento base de licitación de 85.460,27 euros (base impoñible de 70.628,32 € máis IVE do 21% de 14.831,95 €).

Para a execución desta nova rede de abastecemento, levaranse a cabo tarefas de demolición do pavimento nas zonas que sexa necesario, xa que que a maior parte da tubaxe discorre pola cuneta da estrada AC-250; de escavación en gabia para a posterior colocación das conducións de PEAD 90 mm e correspondentes elementos e arquetas; de realización de perforacións horizontais baixo a estrada AC-250; e de reposición das cunetas ao seu estado previo e dos correspondentes pavimentos afectados (accesos particulares e viais). O prazo de execución das obras é de catro meses.

Convenios

Ademais o executivo municipal aprobou esta mañá tres convenios de colaboración para o ano 2024 entre o Concello de Santiago e outras entidades. O primeiro coa Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista (TEA) da provincia de A Coruña (ASPANAES) pola contía de 5.000 euros; outro coa Federación Gallega de Kárate y D.A, por valor de 5.000 euros; e un terceiro coa Asociación Cultural Correlingua que rexerá as condicións da subvención nominativa para o programa "Correlingua en Compostela 2024".

Outros asuntos

A Xunta de Goberno tamén acordou a cesión provisional do uso do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro e do campo de adestramento San Lázaro II a favor da S.D. Compostela durante a tempada 2024/25. Míriam Louzao explicou que se trata dunha autorización provisional para a tempada 2024/25 (do 17 de xullo de 2024 ao 30 de xuño de 2025) e que a cesión definitiva estará supeditada á existencia dun posterior acordo no que regule o custe e demais consideracións que procedan en base ao que se determine a nivel municipal no momento da aprobación dunha nova ordenanza en materia deportiva.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: