ALCALDÍA

O Concello de Santiago homenaxea o escultor Francisco Asorey no 63 aniversario do seu pasamento

02/07/2024 O Panteón das Galegas e dos Galegos Ilustres acolleu esta mañá un acto de homenaxe ao escultor Francisco Asorey, artista referente na renovación da arte galega no século XX. Este recoñecemento, organizado polo Concello de Santiago e a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), súmase ao programa de eventos que se están a celebrar este ano en lembranza do escultor cambadés que desenvolveu a maior parte da súa carreira en Compostela.

Ademais da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, no acto tamén participaron Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes; Mª del Carmen Asorey, neta de Francisco Asorey; José Luís González, concelleiro de Cultura de Cambados; Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia. Tamén asistiron varios membros da Corporación municipal.

Na súa intervención, Goretti Sanmartín salientou dúas características da obra do escultor cambadés: "a representación da figura das mullerse e as referencias á tradición escultórica en que introduce elementos da vida do común". No tocante á representación das mulleres, a rexedora aludiu á "mirada cargada de afecto e de sensibilidade" do artista coa que concebiu "algunas das obras icónicas da nosa cultura" como: O tesouro, A naiciña, A filliña e A Santa, converténdose no "primeiro artista en usar repetidamente a imaxe das mulleres galegas" que trascende "a imaxe feminina e se transmuta nunha imaxe simbólica de Galiza".

Goretti Sanmartín tamén puxo en valor a "combinación da tradición escultórica e da vida do común" de Asorey que une "o compromiso estético co compromiso ético", ao que se suma "unha mirada artística apegada ao país, á identidade cultural da terra", froito da súa vinculación co movemento nacionalista e a relación con persoeiros e artistas como Castelao, Ánxel Casal ou Camilo Díaz Baliño. "É quen de ver e de engrandecer a imaxe da xente do común, a da sociedade agraria e campesiña daquela altura", engadiu.

A alcaldesa tamén recordou que Compostela "tivo unha importancia capital na vida e na traxectoria do escultor", xa que o seu obradoiro artístico na Caramoniña, ademáis de berce das súas obras, pasou a converterse en "escola á que chegaban novos artistas ansiosos de aprenderen de quen lles imprimiu ás súas obras o espírito galeguista da xeración Nós e de quen era recoñecido e premiado nos certames galegos e estatais máis prestixiosos da época".

Goretti Sanmartín congratulouse da presenza de varias da súas obras en Santiago, "desde as máis emblemáticas como o célebre monumento a San Francisco de Asís, o capitel e escudo do Hotel Compostela na praza de Galiza, ou o códeo compostelán no Seminario de Estudos Galegos; até numerosas lápidas, chamadores e bustos".

Francisco Asorey

Nacido en Fefiñáns, Francisco Asorey (Cambados, 1889 - Santiago, 1961) está considerado un dos renovadores da arte galega e unha das figuras máis relevantes da renovación da arte escultórica española do século XX.

Tras realizar os seus estudos en Sarrià (Barcelona) e pasar por Barakaldo (Bizkaia) e Madrid, Asorey gaña en 1918 por oposición a praza de escultor anatómico da Facultade de Medicina de Santiago, cidade á que se traslada a vivir e onde monta un obradoiro na Caramoniña, a carón do mosteiro de San Domingos de Bonaval.

Deste taller saen as obras en madeira policromada tituladas 'Picariña', 'Naiciña', 'Ou Tesouro', 'Ofrenda a San Ramón', 'A Santa' e 'San Francisco' (1ª Medalla da Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid). Na década de 1930 traslada o taller a Santa Clara por necesidades de espazo. Neste lugar crea os grandes monumentos 'Loriga', 'Curros Enríquez' e 'Virxe de Tanxil', entre outros. Vive os anos da represión da guerra Civil nun plano discreto; realizando obras para as autoridades franquistas pero tamén encargas de gran calidade, como a Piedade para o Panteón do Centro Galego de Bos Aires, o monumento ao Padre Feijoo no Mosteiro de Samos, o monumento a Ramón Aller en Lalín ou a magnífica talla en madeira do Cristo da igrexa de Santa María de Moiá en Barcelona.

En 1947 toma posesión como académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes e en 1957 é nomeado académico de honra da Real Academia Galega.

Compartir: