CENTROS SOCIOCULTURAIS

O experto Xesús Feás impartirá charlas sobre a velutina nos Centros Socioculturais do rural

30/04/2024 A Concellaría de Centros Socioculturais pón en marcha un programa de charlas informativas sobre a avespa velutina, para achegarlle a veciñanza as claves para entender e xestionar a presenza desta especie invasora. Haberá sete encontros noutros tantos centros socioculturais do rural, o primeiro deles o próximo sábado, 4 de maio, no CSC da Grixoa.

As charlas informativas correrán a cargo de Xesús Feás, doutor en Ciencias Veterinarias, membro da Academia Galega de Ciencias Veterinarias, e experto en velutina. O obxectivo da actividade é dar as claves para identificar as avespas velutinas e para xestionar a súa presenza, nun encontro no que se pretende a participación activa das persoas asistentes e que terá unha duración de entre unha e dúas horas.

Charlas en sete centros socioculturais do rural

A actividade vaise desenvolver en sete centros socioculturais do rural, mais a cada unha das charlas estará convocada a veciñanza de varias parroquias para conseguir unha maior cobertura territorial. Así, o sábado 4 de maio, a partir das 16 horas, haberá un encontro no centro sociocultural da Grixoa, dirixido tamén aos veciños e veciñas da Gracia.

O martes 7 de maio, a partir das 19.00 horas, haberá unha charla en Enfesta, pensada tamén para a veciñanza de Lavacolla e Bando; o martes 14 a cita será na Peregrina a partir das 19.00 horas, e están convocados os veciños e veciñas de Santa Cristina de Fecha e Lamascal; e o xoves 16, o encontro será ás 19.30 en Verdía, coa veciñanza desta parroquia e de Busto, Marantes e Nemenzo.

O martes 28 de maio as charlas chegarán ao centro sociocultural de Marrozos, dirixidas tamén á veciñanza de O Eixo e Aríns, a partir das 19.00 horas; e en Laraño haberá un econtro, tamén coa xente de Figueiras e Villestro, o xoves 30 ás 19.00 horas. A última charla será no CSC de Cesar, tamén para a Barciela e Carballal, o venres 31 de maio, ás 19.00 horas. A asistencia é libre e de balde.

A presenza de avespa velutina viuse incrementando nos últimos anos. O ano pasado, esta especie invasora motivou un total de 2.123 intervencións dos bombeiros de Santiago.

Compartir: