CONSORCIO

O Consorcio de Santiago conmemora o Día Internacional do Libro coa entrega de balde de publicacións e coa presentación de 'Compostela ilustrada'

22/04/2024 A iniciativa do Consorcio de Santiago ten por obxectivo achegar as diferentes publicacións da súa biblioteca á cidadanía e visitantes da Casa do Cabido. O libro 'Compostela ilustrada' presentarase ás 19:00 no Museo do Pobo Galego.

O martes 23, Día Internacional do Libro, o Consorcio de Santiago conmemora o Día Internacional do Libro por partida dobre.

Como todos os anos, o Consorcio achega parte das súas publicacións aos visitantes da Casa do Cabido. Durante toda a xornada do martes quen se achegue á Casa do Cabido poderá recoller de balde un exemplar dos publicados recentemente polo Consorcio, entre os que haberá unha selección das diferentes bibliotecas do Consorcio de Santiago: Biblioteca Fascimilar, Biblioteca Científica, Divulgación Xacobea, Literaria Compostelana e Infantil e Xuvenil. No horario habitual de apertura da Casa do Cabido, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 as persoas visitantes poderán escoller entre diferentes temáticas como arte, historia ou divulgación en Santiago de Compostela, ata esgotar os exemplares.

O Día Internacional do Libro culminará coa presentación do libro 'Compostela ilustrada', coeditado polo Consorcio de Santiago xunto coa editorial El Patito Editorial, ás 19:00 no Museo do Pobo Galego. A publicación recolle unha selección das ilustracións feitas polos máis de 70 "cadernistas" convidados ás últimas cinco edicións do Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe. Artistas de diferentes nacionalidades percorreron as rúas e recunchos da Cidade Histórica compostelá e os seus arredores cos seus cadernos e acuarelas, ilustrando recunchos emblemáticos da cidade. Estas xornadas nacen no 2016, da man de Gemma Sesar e Miguelanxo Prado, ilustrador e director do evento xunto con Maru Godás, directora das últimas edicións.

Ao acto asistirán Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago e presidenta do Consorcio de Santiago; Gemma Sesar, organizadora dos encontros e editora de El Patito Editorial; o ilustrador e director dos encontros, Miguelanxo Prado; Concepción Losada, presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego e a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.

Compartir: