XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno local aproba a addenda ao convenio da EDAR para axustar o financiamento

15/04/2024 O executivo municipal aprobou esta mañá a addenda nº 1 ao convenio subscrito para a execución e explotación das obras da nova estación depuradora de augas residuais de Silvouta. En total dedicarase ao proxecto de execución da EDAR de Silvouta un total de 60 millóns, dos que o Estado achegará finalmente un 80% a través de Fondos Europeos, o que suporá un aforro de 11,4 millóns de euros para o Concello de Santiago. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, deu conta deste e outros asuntos en rolda de prensa.

A alcaldesa congratulouse de que a execución da nova depuradora se confime "por fin como unha realidade" e de que a achega por parte do Estado a través dos Fondos Europeos pasase finalmente "de cubrir o 65% dun total de máis de 56 millóns ao 80% dos actuais 60 millóns de custes estimados da obra", xa que suporá para o Concello "un aforro de 11,4 millóns de euros". Goretti Sanmartín cualificou de "magnífica noticia" este avance.

A aprobación da addenda nº1 ao convenio de 5 de febreiro de 2021 permite adaptar a cifra prevista de investimento, elevándoa ata os 60 millóns de euros para poder cubrir aqueles conceptos de investimento non recollidos no contrato de obras da nova EDAR, así como os hipotéticos incrementos de custes derivados de revisións de prezos, liquidacións de contratos ou sentenzas do xurado provincial de expropiacións, así como a adaptación do esquema financeiro inicial elevando a porcentaxe de financiamento procedente de fondosNext Generation UE ata o 80%.

O orzamento estimado do investimento para a execución da EDAR ascende a 60.000.000 euros, IVE excluído, e estára cuberto nun 80% con cargo aos Fondos Next Generation EU e por unha achega fixa de 10.826.000 € de AUGAS de GALICIA. O Concello xa realizou unha achega de 300.000 € durante a fase de redacción e tramitación do proxecto construtivo da EDAR e do proxecto da acometida eléctrica. O resto do importe do investimento e, no seu caso, o déficit de financiamento de fondos UE será financiado acudindo aos mercados financeiros, a través das corresponentes operacións de captación de recursos alleos.

Obras no rural

A Xunta de Goberno tamén aprobou esta mañá o expediente de contratación das obras de execución do proxecto para a mellora e acondicionamento do local sociocultural de Enfesta no marco do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (plan único de concellos) POS+ 2021 da Deputación Provincial da Coruña". Para esta actuación abrirase un procedemento aberto de adxudicación por un importe de 102.133,29 € (base impoñible de 84.407,68 € mais IVE do 21% por importe de 17.725,61 €).

Tamén se deu luz verde á certificación final da obra de pavimentación do lugar de Coira (Laraño), incluída no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (plan único de concellos) POS+ Adicional 2/2022 - 1ª fase da Deputación Provincial da Coruña, que contou cun orzamento de 122.414,02 €, IVE incluído.

Estas obras consistiron na substitución do pavimento deteriorado de asfalto por outro de formigón e na instalación dun novo sistema de drenaxe. Tamén se procedeu ao acondicionamento do camiño que sae do núcleo polo vento noroeste cara á vía do tren mediante 20 cm. de zahorra estabilizada, previa apertura de caixa, compactación da explanada e limpeza das gabias con recuperación da sección hidráulica para a mellora da drenaxe superficial do viario. Na zona central do viario dispúxose un colector de PVC de 400 mm de diámetro con pozos de rexistro e sumidoiros para a mellora da drenaxe asociada.

Outros asuntos

O executivo municipal tamén aprobou esta mañá a modificación do réxime de residentes da Zona 4 Almáciga e Zona 2 Vite-Guadalupe. Con esta modificación na Zona 4 Almáciga, o estacionamento na rúa do Pino dende o número 1 ata o número 13 será para residentes 24 horas. Na Zona 2 Vite - Almáciga, no aparcadoiro da rúa Ulpiano Villanueva, xunto ao edificio da Escola Oficial de Idiomas, elimínase o aparcamento para residentes na liña situada na marxe dereita segundo se accede a este tramo de rúa.

Tamén se deu luz verde á aprobación do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e o Club de Atletismo Fontes do Sar para o ano 2024 por un importe total valor de 14.000 euros.

Compartir: