CAPITAL CULTURAL

Tradición e vangarda danse a man en 'Flamenco Futuro'

04/04/2024 Álvaro Murillo presenta este venres no Teatro Principal un espectáculo que toma como punto de partida o Decálogo Flamenco de Vicente Escudero para afondar nas posibilidades de innovación desta danza. As entradas para o espectáculo poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do propio Teatro Principal.

A danza flamenca e a contemporánea conviven en 'Flamenco Futuro', un espectáculo de Álvaro Murillo que chega este venres, 5 de abril, ás 20.30 horas ao Teatro Principal de Santiago de Compostela. Faino ao abeiro do Foco NeoTrad da programación escénica de Compostela Cultura, un ciclo que pon de relevo creacións que parten do tradicional para tecer propostas novas que se achegan á danza contemporánea, e visibiliza as persoas e equipos que as fan posibles.

A reflexión sobre o movemento é a chave deste espectáculo que toma como base o 'Decálogo de Baile Flamenco Masculino' de Vicente Escudero, para ir alén do seu carácter ortodoxo e explorar as posibilidades que este primeiro esforzo de sistematización da danza flamenca abriu cara a súa innovación e cara a desenvolvementos creativos e teóricos posteriores. A través un software biomecánico que codifica o movemento e o representa na pantalla, 'Flamenco Futuro' explora a relación entre o corpo, a danza, a tecnoloxía e a aprendizaxe. O vídeomapping cohabita así co cante e o baile para ofrecer ao público unha experiencia estética e plástica libre de mistificacións. A relación entre tradición e vangarda trasládase tamén ao son do espectáculo, que une temas do 'Electroflamenco' de Daniel Muñoz "Artomático", con 'Jaleos Extremeños' de Miguel Vargas, 'Tientos Perdidos' de Vicente Escudero e 'My Body is a Cage' de Arcade Fire ademais do son espido dos pasos de Álvaro Murillo.

As entradas para o espectáculo poden ser adquiridas a un prezo de 10 euros (con descontos do 50 por cento para diferentes colectivos) na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no despacho de billetes do Teatro Principal (o propio día do espectáculo dende unha hora antes do seu inicio).

'Flamenco Futuro' conta co apoio da Fundación Paco de Lucía e a Fundación Música Creativa a través do programa Flamenco Lab. Na súa produción, Álvaro Murillo contou co asesoramento de profesionais referentes na escena flamenca, como Rosario La Tremendita, Antonio "El Farru", Jesús Ortega, Niño Josele, Carolina Le Port, ou Daniel Muñoz "Artomático". A peza forma tamén parte do circuíto Danza a Escena do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM) do Ministerio de Cultura.

Álvaro Murillo

O coreógrafo e bailador estremeño Álvaro Murillo dise autodidacta na forma de abordar a linguaxe do flamenco coa da danza contemporánea. Titulado en Psicopedagoxía da Danza e Técnicas do Intérprete na Universidade de Estremadura, e participante no programa formativo do Festival À Corps (Francia), acompaña os seus espectáculos dun fondo traballo de investigación sobre o movemento. Entre os máis recentes, destácanse 'El Barbero de Picasso', de 2018, unha homenaxe a Morente e ao pintor malagueño que foi presentada no Teatro Nacional de Nairobi (Quenia) xunto a unha conferencia sobre a relación entre África e o flamenco; tamén '8 Km en Mula', unha peza de rúa baseada na obra lorquiana 'Bodas de Sangre' que presentou en 2019 en Sofía (Bulgaria) a través do Instituto Cervantes; e 'Flamencas', un espectáculo creado en 2020 para o Festival Escena Patrimonio da UNESCO que combinaba unha peza de danza e unha conferencia baseada nas mulleres esquecidas do flamenco. Foi tamén representado no Festival Internacional Dantzaldia de Bilbao en 2021, e inaugurou os 'Viernes Flamencos' de Barakaldo o ano a seguir. Nesa altura, Álvaro Murillo comeza a traballar na compañía de circo, danza e flamenco Albadulake, coa obra 'Serrana', que participou no Festival de Teatro Clásico de Almagro e na Expo Mundial de Dubai en 2022.

Murillo acadou o premio ao mellor expediente de grao en Ciencias da Actividade Física e o Deporte pola Universidade de Estremadura e cursa na actualidade un doutoramento sobre os efectos físicos e cerebrais da danza e a creatividade motriz en persoas con dor crónica. Ademais é un dos directores artísticos do Festival Internacional de Danza DZM de Cáceres.

Compartir: