DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS E CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Centro de Maiores e o novo CSC do Ensanche compartirán instalacións "para apostar polo envellecemento activo e as actividades interxeracionais"

21/11/2023 As antigas dependencias da Tesourería Xeral da Seguridade Social na rúa de San Pedro de Mezonzo convertiránse no Centro de Maiores e no Centro Sociocultural do Ensanche, "dous servizos que compartirán un equipamento municipal integrado que permitirá apostar polas actividades interxeracionais e fomentar o envellecemento activo da poboación maior de Compostela". As concellarías de Dereitos e Servizos Sociais e Centros Socioculturais están a traballar de maneira coordinada no deseño das instalacións, co obxectivo de que o proxecto estea aprobado antes de final de ano. María Rozas e Xan Duro deron conta do anteproxecto, que será presentado esta tarde no Consello Municipal de Persoas Maiores.

As antigas instalacións da Seguridade Social, cunha superficie total de 1.200 metros cadrados, fóronlle cedidas ao Concello no pasado mes de xullo, por un prazo de 25 anos e co obxectivo de seren destinadas á centro de maiores e centro sociocultural. María Rozas explicou que "no Goberno vimos como unha oportunidade que estes dous servizos compartiran espazo e apostamos por deseñar un equipamento municipal integrado no canto de proxectar dúas instalacións independentes". A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais sinalou que "esta decisión responde a unha aposta decidida pola participación e o envellecemento activo das persoas maiores, así como polas actividades interxeracionais que teñen demostrados os seus enormes beneficios". Neste sentido, a tenenta de alcaldesa apuntou que "este tipo de accións conxuntas aumentan a vitalidade e reducen o sentimento de soidade das persoas maiores, incrementan a empatía e as habilidades sociais das persoas mozas, e contribúen a conservar a memoria colectiva".

María Rozas indicou que o centro está deseñado "para prestar unha atención polivalente, con propostas vinculadas ao ocio e a saúde física e mental, co obxectivo de que as propias usuarias sexan protagonistas desde o seu deseño".

Distribución

O anteproxecto presentado por María Rozas e Xan Duro, e que esta tarde será explicado tamén no Consello Municipal de Persoas Maiores, foi elaborado de maneira conxunta e coa implicación do persoal técnico dos departamentos de Servizos Sociais e Centros Socioculturais, en coordinación tamén co departamento de Obras. O obxectivo é que o proxecto estea aprobado antes de que remate este ano, para que as obras poidan iniciarse ao longo de 2024.

O novo equipamento terá un amplo espazo de benvida e de relacionamento entre as persoas usuarias, onde se localizarán os puntos de conserxería e información ao público, pero que tamén permitirá outro tipo de actividades como usos libres ou exposicións. Desde ese espazo accederáse a un patio semicuberto, desde o que se distribuirán as diferentes dependencias do novo equipamento municipal. O CSC e Centro de Maiores contará cun gran salón de actos de 135 metros cuadrados e cun aforo de máis dun cento de persoas, "que ofrecerá grandes oportunidades para programar diferentes actividades culturais, de ocio, e tamén conferencias ou asambleas veciñais", e cunha biblioteca con sala de lectura anexa, con máis de 120 metros cadrados en total, que tamén funcionará como aula de novas tecnoloxías.

Haberá tamén cinco espazos diferenciados para a realización de obradoiros, con superficies que van desde os 40 ata os 70 metros cadrados, e que funcionarán como aulas formativas, espazos de xogo, talleres de cociña ou miniximnasio. Por último, están previstos cinco despachos, nos que traballarán tanto persoal do departamento de centros socioculturais, como traballadoras e educadoras sociais municipais.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, explicou que as novas instalacións "permitirán mellorar a oferta de actividades no Ensanche, e axudarán a cubrir unha carencia porque o actual centro sociocultural non conta con espazos acaídos para determinadas propostas que sí terán cabida no salón de actos do novo centro de San Pedro de Mezonzo, como conferencias, asambleas veciñais ou mesmo actuacións musicais de pequeno formato". O edil lembrou que o actual centro sociocultural de Frei Rosendo Salvado "é propiedade de Afundación, que ten manifestada a súa intención de recuperar o inmoble, e a quen o Concello tén que agradecerlle que manteña a cesión ata que estean dispoñibles as novas dependencias de San Pedro de Mezonzo". Para Xan Duro, o novo equipamento "será unha gran oportunidade para tecer rede entre a veciñanza do Ensanche e para xerar comunidade, porque esa é unha das grandes virtudes da rede de centros socioculturais".

En Santiago viven máis de 23.000 persoas maiores de 65 anos. Delas, máis do 20 por cento viven soas. No ámbito do Ensanche, onde se localizará este centro, viven unhas 4.800 persoas maiores, e unha de cada catro viven soas.

Compartir: