EDUCACIÓN

Máis de 16.000 nenos e nenas inician curso escolar en Compostela

11/09/2023 Con motivo do inicio do curso, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Educación, Míriam Louzao, visitaron esta mañá o Colexio de Educación Infantil e Primaria Quiroga Palacios e a Escola de Educación Infantil do Gaioso, acompañadas polos membros das directivas dos centros e das ANPAS. Hoxe tamén arrancan os servizos de comedor e madrugadores que ofrece o Concello aos máis de 1.100 inscritos e inscritas.

Desde o CEIP Quiroga Palacios, a rexedora salientou a "normalidade" no arranque deste novo curso e o "incremento no número de alumnado en Santiago" que acada este ano os 16.074 nenos e nenas. Este aumento vese no propio centro Quiroga Palacios que "este ano superaron a barreira dos 500 alumnos e alumnas", detallou.

A alcaldesa tamén deu conta do servizo de comedores e madrugadores que o Concello de Santiago pon en marcha desde hoxe nos seguintes centros de ensino públicos: Apostólo Santiago, Quiroga Palacios, As Fontiñas, Roxos-Villestro, Vite, Mestre Rodríguez Xixirei (Lavacolla), Monte dos Postes, Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas e no caso do CEIP Arquitecto Casas Novoa, só o servizo de madrugadores, "cuns prezos que se manteñen inalterables desde hai anos, de 4,5 euros pola comida e 1,94 polo almorzo" e nos que polo momento "hai xa inscritos 1116 nenos e nenas".

Tamén recordou que o Concello de Santiago vén de conceder a semana pasada un total de 1.451 axudas por un valor de preto de 800.000 euros, a través convocatoria de bolsas de comedor, adquisición de material escolar e realización de actividades extraescolares, destinadas ás persoas con menos recursos.

Por último, Goretti Sanmartín dedicou unhas verbas ao alumnado, ao profesorado e ás familias para desexarlles un "bo inicio do curso" e reiterou o compromiso do Goberno municipal para "investir en educación" e converter as escolas nos "espazos mellores para as nenas e nenos de Compostela" xa que a educación é a "base da sociedade e da traformación".

A concelleira Míriam Louzao salientou o investimento de 320.000 euros que o Concello fixo este verán no Plan de mantemento e pequenas obras nos centros, "todas elas rematadas xa". Tamén recordou que a Concellaría de Deportes fixo este ano un "investimento moi importante" no pavillón do Pío XII para instalar chan radiante, cuxa obra estará rematada a finais de mes, "aínda que non afecta ao funcionamento do resto de espazos do centro".

O Plan recolle pequenas intervencións nas que se levan a cabo arranxos de estores e mosquiteiras, pintado, ou limpeza de canlóns. "Tamén se fixo un investimento importante este ano, de arredor de 100.000 euros, para amañar e adecuar á normativa os parques infantís", detallou Míriam Louzao.

Escola Municipal de Música

Tamén arranca hoxe un novo curso na Escola Municipal de Música con actividades para todos os públicos a través dunha programación regular de cursos e obradoiros, así como eventos e actuacións ao longo do ano para que os estudantes poidan mostrar o seu talento e gañar experiencia no escenario. Estas presentacións son oportunidades valiosas para o crecemento artístico dos estudantes.

Situada na Finca Vista Alegre da rúa Salvadas, a Escola Municipal de Música conta cunhas instalacións modernas onde se inclúen aulas de música equipadas con tecnoloxía de vangarda, salas de ensaio e espazos de práctica, que aportan unha contorna óptima para a aprendizaxe musical.

Ademais, a EMM conta cun corpo docente composto por grandes profesionais da música comprometidos co desenvolvemento dos seus estudantes, proporcionando unha educación de alta calidade e apoio personalizado.

O Concello de Santiago dota así a veciñanza dun centro de educación musical no corazón da cidade, onde os/as amantes da música poden nutrir a súa paixón, mellorar as súas habilidades e compartir o seu talento coa comunidade. Ademais de brindar unha educación musical sólida, a escola contribúe ao enriquecemento cultural da cidade e promove a apreciación da música en todas as súas formas.

Para máis información sobre a Escola Municipal de Música de Santiago, os seus programas educativos ou eventos, pode visitar o seu sitio web oficial ou poñerse en contacto directamente coa escola.

Compartir: