MEDIO RURAL

A Xunta de Goberno Local ten previsto aprobar o luns dous proxectos de obras na parroquia de Marrozos, cun investimento de 800.000 euros

10/06/2023 A Xunta de Goberno Local ten previsto aprobar este luns dous proxectos construtivos na parroquia de Marrozos, que contan cun investimento estimado de 805.150 euros. Trátase da primeira fase da "Reforma do viario A Pajuela-Campo da festa de Marrozos"; e da segunda fase de "Ampliación da plataforma do viario entre Cañoteira e Outeiro de Marrozos". Os dous proxectos presentados pola concellaría de Medio Rural, están enmarcados no Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña.

A actuación "Reforma do viario A Pajuela-Campo da festa de Marrozos (fase I)", conta cun orzamentos estimado de 448.450,20 euros, IVE engadido e está incluido no POS+ Adicional 2/2022 da Deputación da Coruña. A obra ten por obxecto a mellora do espazo público dispoñible no viario municipal que discorre dende A Pajuela e segue ata o Campo da festa de Marrozos mediante o seu acondicionamento con actuacións de pavimentación e formación de cuneta transitable en ambas marxes.

Pódense distinguir dúas zonas de actuación, diferenciadas polo cruzamento sobre a N-525: ao oeste, cun viario duns 4 metros de ancho mais cunetas en terra a ambas marxes; e ao leste da ponte, un treito máis urbanizado e cunha configuración totalmente independente, composto por un eixe dende a ponte con calzada de dous carrís de 3,50 metros cada un, máis beirarrúa pola marxe sur e un viario transversal que se corresponde co antigo trazado da estrada nacional e que presenta na actualidade a súa plataforma totalmente pavimentada.

Para a mellora da seguridade viaria proponse, nunha lonxitude duns 900 metros no camiño principal e de mais de 150 metros no treito inferior transversal; o aproveitamento do espazo dispoñible coa execución dunha cuneta de seguridade transitable en ambas marxes da estrada. Esta cuneta estará formada por quince centímetros de zahorra e doce de formigón; e delimitada exteriormente con bordo, tamén de formigón, previa canalización con tubaxe plástica para a recollida de pluviais. Prevese ademais a execución de catro muros de pedra para contención do movemento de terras necesario.

Para a mellora do firme o proxecto contempla unha capa de 5 centímetros de mestura bituminosa quente, previo rebacheo con grava e tratamento asfáltico. Actuarase, en concreto, sobre unha superficie de 6.175 metros cadrados. Na intersección da Costa do Sisto prevese o estendido dunha capa de aglomerado en quente como capa intermedia de regularización que servirá para obter a modificación precisa da rasante antes da capa de rodadura. E na zona destinada para o aparcamento en batería e a parada de bus, onde a beirarrúa é elevada, colocarase, nuns 75 metros, un borde de formigón.

Para a recollida de pluviais instalaranse 1.390 metros de tubeiras plásticas, cos respectivos sumidoiros e arquetas; contemplando tamén, o proxecto, a canalización do alumeado público.

Polo que respecta á "Ampliación da plataforma do viario entre Cañoteira e Outeiro de Marrozos (fase II), conta cun orzamento estimado de 356.700 euros, IVE engadido, e está incluída no POS+ 2021 da Deputación da Coruña. A obra descrita no proxecto construtivo ten por obxecto a ampliación do citado viario municipal, situado na Ruta da Prata, no Camiño de Santiago; para adaptalo ás novas necesidades do tráfico da zona xa que, na actualidade, o ancho de calzada resulta insuficiente.

O ancho medio da estrada varía entre 3 e 4 metros. Con estas obras proporciónaselle unha amplitude uniforme de 6 metros. Co obxecto de mellorar tamén a caldiade da rodaxe reforzarase o pavimento cunha capa de aglomerado en quente. Tamén se modificará a rasante en zonas puntuais, tendo en conta, para a súa definición, os accesos ás vivendas e leiras particulares; así como as rasantes dos viarios que entroncan coa estrada. Nos puntos quilométricos 0,550 e 0,610 precísase da construción dun muro, co obxecto de acadar a citada ampliación.

Ademais, amplíase a drenaxe lonxitudinal e transversal para solucionar a canalización das augas de escorrentía, así como as canalizacións existentes de regadío. O proxecto tamén contempla, en algúns tramos paralelos ao eixo do viario, a instalación das cruces das futuras redes de distribución e derivación das infraestruturas soterradas de iluminación, baixa tensión e telecomunicacións; como alternativa ás instalacións aéreas por postes e fachadas.

O proxecto tamén recolle a mellora da iluminación pública existente, coa substitución dos equipos e lámpadas; e a ampliacion da rede de saneamento no tramo final do viario, por carecer do mesmo.

Compartir: